O membro de Marea Atlántica liga a decisión a razóns políticas e persoais

Xiao Varela dimite como concelleiro na Coruña

O ex edil de Urbanismo alude a cuestións de orde política e persoal no escrito emitido a través das redes sociais. Na súa despedida lembra a "oposición deshonesta e tramposa" da que se sentíu vítima durante o mandato da Marea Atlántica.
20190627_JUAN_VILLOSLADA_XIAO_VARELA_URBANISMO_001
photo_camera Xiao Varela (á esquerda) no traspaso de poderes ao seu sucesor na área de Urbanismo da Coruña. (Foto: Concello da Coruña)

O antigo responsábel de Urbanismo do Concello da Coruña durante a etapa de Xulio Ferreiro á fronte da alcaldía, Xiao Varela, presentou a súa dimisión como concelleiro na cidade, argumentando razóns de orde política e persoal.

 

Nun escrito difundido nas súas redes sociais, Varela valorou a súa experiencia de goberno na Coruña, sinalou as súas diverxencias coa maioría da Marea Atlántica e agradeceu os apoios recibidos durante os seus anos no Executivo local.

 

O ex concelleiro de Urbanismo avaliou positivamente a súa etapa no Goberno local, se ben recoñeceu que “non foi posíbel cumprir coas enormes expectativas xeradas”. O edil dimisionario vinculou a isto a perda do Executivo da cidade, apuntando a “algúns erros propios” mais significando “a oposición deshonesta e tramposa da que constantemente fomos vítimas dentro e fóra do pazo”, en relación ao edificio de María Pita, sede da casa consistorial coruñesa.

 

“Cos resultados das últimas eleccións defendín sen éxito na miña organización a necesidade de tentar un goberno de coalición co Partido Socialista. Por dúas razóns: porque era a mellor maneira de dar continuidade ás políticas que estabamos a levar a cabo; e porque me parecía o único xeito de evitar unha posíbel deriva conservadora do goberno do PSOE, que desgraciadamente está a confirmarse”, sinalou Varela, quen lamentou que “ a situación actual no pleno do Concello camiña cara a un escenario de confrontación entre as forzas progresistas”.

 

A dimisión de Xiao Varela non sorprendeu nos ambientes políticos da cidade. A maiores da súa diverxencia coa orientación da oposición da Marea Atlántica, Varela afirmou no seu escrito de renuncia que “son unha persoa que entende a política desde o diálogo, o respecto e a busca de acordos”, as diferenzas coa liña maioritaria da organización expresáronse de diversas maneiras nos últimos tempos. Así as cousas, Varela facía parte da militancia crítica co grupo dirixente da Marea Atlántica e situábase no sector próximo a Antón Gómez-Reino e a Unidas Podemos.

 

A Marea Atlántica expresou o seu pesar sobre a dimisión e recoñeceu o traballo desenvolto nun comunicado. “Desde o grupo municipal, e desde a Marea Atlántica no seu conxunto, lamentamos fondamente esta decisión, e queremos trasladarlle todo o noso agradecemento e apoio a Xiao, unha figura clave no equipo de goberno de Xulio Ferreiro”, subliñaron desde a dirección da formación.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios