Que está a acontecer no Concello de Ourense?

Acto do BNG nas Burgas arroupando os seus edís no Concello de Ourense. (Foto: Nós Diario)
O BNG arroupa nas Burgas aos edís da formación no Concello de Ourense, após os insultos dun Xácome "nervioso" por estar "en tempo de desconto".

A sexta feira, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, increpou por enésima vez ao voceiro do Bloque Nacionalista Galego na cidade, Luis Seara.

Malia que non é a única persoa insultada por Xácome no devir do seu cargo, este último episodio pon a guinda á fixación do alcalde co edil nacionalista, ao que leva dedicando insultos desde o comezo da lexislatura.

Nesta ocasión acusouno de “vilán”, “matón” ou “macarra”, e cando Seara tratou de responder os exabruptos do rexedor, expulsouno por medio da Policía Local xustificándose en que “isto non é a ditadura da Unión Soviética, aquí vostede non manda”.

Un Xácome “nervioso”

Porén, os “lamentábeis comportamentos aos que Xácome nos ten acostumados, con insultos, inxurias e faltas constantes de respecto, non van facer que o Bloque Nacionalista Galego (BNG) deixe de traballar na alternativa que o concello de Ourense merece”, aseverou a deputada Noa Presas este sábado.

A parlamentar arroupou a Luis Seara e a Ruth Reza, edís do BNG na Corporación, xunta múltiples cargos da formación, nun acto na explanada das Burgas no que incidiu en o alcalde “está nervioso” por mor de que a forza nacionalista é a “alternativa para cambiar o destino” da urbe.

Xácome está “en tempo de desconto”, afirmou Presas, que subliñou que o acontecido “non é un ataque en contra do BNG”, senón contra a veciñanza da cidade, que “sofre as consecuencias” da actuación de Xácome.

Un Concello paralizado

A deputada sinalou que os insultos contra Seara encobren o desmantelamento de “concellarías como Participación Cidadá, Xuventude ou Ensino, que o termalismo siga paralizado ou que se perdan fondos da Unión Europea pola mala xestión municipal.