Os díscolos de Democracia Ourensá aseguran que Xácome ofreceu "30.000 euros" polas súas actas como edís

Os díscolos de Democracia Ourensá denunciaron que o rexedor municipal, Gonzalo Pérez Xácome, líder do partido, chegou a ofrecerlles "30.000 euros" polas súas actas como edís.

Gonzalo Pérez Xácome, alcalde de Ourense (Imaxe: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Gonzalo Pérez Xácome, alcalde de Ourense (Imaxe: Rosa Veiga / Europa Press)

Os ex concelleiros de Democracia Ourensá, que agora forman parte de coalición de Centro Democrático de Ourense para concorrer ás municipais, denunciaron ante os medios que Pérez Xácome, alcalde de Ourense, chegou a ofrecerlles "30.000 euros" se deixaban a acta no Concello.

"Falamos de cantidades, 30.000 euros a María Dibuja e Maite Garrido se deixaban a acta ou 2.000 euros ao mes a Garrido se mantiña a acta pero votaba seguindo as instrucións", trasladou o coordinador de CDC José Manuel Palacios.

Deste modo, Palacios apuntou que Xácome "baixou á area porque é a única solución que ten, está ansioso, pasan os meses e só pode poñer catro xardineiras en Xoán XXIII".

Foi máis aló, esgrimindo que non poden "levar unha gravadora sempre acesa", pero "30.000 euros é unha cantidade que coincide con doazóns doutros e ademais 30.000 euros coincide co que custa o proxecto da Xunta para o tema da residencia e que non quixeron facer".

Ademais, Palacios contou que Xácome dixo a Maite Garrido que Caride, o edil que abandonou a política, "aceptara esa cantidade".

"Nós non o sabemos, pero iso é o que lle dixo el directamente a ela, eu non se se el colleu o diñeiro, o que si me creo é que Xácome llo dixo", agregou.

Nesta liña insistiron en que "hai políticos que non se venden nin por 30.000 euros nin por prevendas" e que cos seus tres votos "non poderá desmantelar o concello".

Así mesmo, Palacios trasladou que a querela interposta por Fiscalía en base a unha denuncia anónima por irregularidades nas contas de DO, "contén datos dun informe que só tiñamos Caride e eu" e que "lle presentamos ao PP de Santiago", Concluíndo con "se nós non a puxemos, quen o fixo?".

Comentarios