Análise

As alcaldías hérdanse de país a fillos en Ourense

Ana Villarino é a secretaria xeral do Partido Popular de Ourense desde decembro de 2021. Alcaldesa de Oímbra e membro da Xunta de Goberno da Deputación de Ourense fai parte do círculo de máxima confianza de José Manuel Baltar, a quen coñece desde nena. Tanto é así que a súa conversión en número dous da formación na circunscrición foi unha decisión directa do presidente dos populares ourensáns.

 

Rosendo Fernández, José Manuel Baltar e Ana Villarino presentando o congreso do PP de Ourense. (Foto:Europa Press)
photo_camera Rosendo Fernández, José Manuel Baltar e Ana Villarino presentando o congreso do PP de Ourense. (Foto:Europa Press)

Villarino chegou á Alcaldía do seu concello en 2015 tras a dimisión do seu pai, que a integrou na lista do PP en 2003 coa intención de convertela en sucesora. O proxenitor de Ana Villarino, Alfonso Villarino Rodríguez, gobernou o municipio de modo ininterrompido desde 1979 a 2015 e non dubidou en defender a candidatura da súa filla sinalando que “xa manexa o Concello coma min” porque “é o que viviu desde nena”.

José Luis Suárez Martínez é outra persoa do núcleo duro de Baltar. Xefe da área de Recursos Humanos da Deputación de Ourense e funcionario desa institución após unha polémica oposición, o seu nome está asociado a algunhas das causas abertas contra a institución provincial, sendo investigado en 2017 pola súa suposta participación nunha trama de cursos de formación fraudulentos.

Suárez Martínez dirixe a Alcaldía de Monterrei desde 2015. Con anterioridade, presidiu o Concello durante 33 anos o seu pai, José Luis Suárez Conde, coñecido pola súa lealdade baltarista nas diversas batallas vividas dentro do PP. Anos antes, concretamente en 2013, o pai entregáralle ao fillo á presidencia da formación na localidade.

O fillo de Pérez

Pablo Pérez Pérez pasa por ser un baltarista a proba de lume. Secretario de organización do Partido Popular de Ourense, deputado delegado de Cooperación e membro da Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, ocupa tamén a tenencia de alcaldía do Concello de Quintala de Leirado, onde seu pai, José Antonio Pérez, exerce de alcalde "con man de ferro" desde 1976. A sucesión do pai polo fillo semella próxima e dentro do PP dana por feita antes de que remate a actual lexislatura.

Os casos de Villarino, Suárez e Pérez non son excepcións nas filas do PP de Ourense. A situación repítese en Cualedro, onde Luciano Rivera Cuquejo, sucedeu a súa nai, María Cuquejo, na Alcaldía.

Outro tanto acontece en Riós con Francisco Armando Veiga Romero, fillo do antigo secretario do Concello e curmán do seu antecesor, Eloy Veiga, todos eles membros dunha familia que leva gobernando o Concello desde a I Restauración. Unha situación análoga dáse na Bola, onde a actual alcaldesa, Teresa Barge, é filla do veterano rexedor Luis Barge, outro clásico da dereita ourensá.

A perpetuación de determinadas sagas familiares á fronte de varios concellos ourensáns escapa da anécdota e explica a conformación das redes de poder na circunscrición. As mesmas, en moitos casos, van máis alá das afinidades ideolóxicas e afíncanse en lealdades persoais de décadas, amizades de moitos anos e intereses partillados máis alá da política. Precisamente esta é unha das fortalezas do baltarismo pero tamén unha das súas principais debilidades en tanto expresión dunha realidade material e social en declive.

Comentarios