O PSOE rexeita a moción de censura proposta por Podemos e fala de "mala fe e falta de rigor"

Como cabía agardar, a proposta de moción de censura a Rajoy lanzada esta quinta feira por Unidos Podemos foi inmediatamente rexeitada polo PSOE. A iniciativa non tería, pois, visos de prosperar, embora Podemos si a podería apresentar (ten suficientes parlamentares) e forzar o debate. Antonio Hernando, portavoz do grupo parlamentar do PSOE, fala de "mala fe e falta de rigor" de Podemos.

Antonio Hernando
photo_camera Antonio Hernando

Todas as forzas políticas foron polo rego á hora de avaliar a proposta de Unidos Podemos. Conditio sine qua non para fructificar sería contar co apoio dos 85 escanos do PSOE. Non hai ningunha opción de que iso vaia ocorrer. Foi Antonio Hernando, portavoz do grupo parlamentar, quen se encarregou de transmitir á imprensa o "non" socialista a esta proposta. Hernando recorreu á expresión "mala fe e falta de rigor" para cualificar a iniciativa de Pablo Iglesias.

Máis á direita, Ciudadanos puxo a énfase en que non irán apoiar o que cualificou de "circo" de Podemos.

Carles Campuzano, do Partit Demòcrata Europeu Català, si que dixo que irían estudar a proposta, entanto que Aitor Esteban (PNV) dixo que non lle parecía seria nen unha "forma responsábel de facer política".

Nada disto debería surprender o estado maior de Unidos Podemos. Era absolutamente previsíbel, tendo en conta que a moción de censura no Estado español exixe a apresentación dun candidato alternativo e que o grupo parlamentar podemita é só o terceiro na cámara. A cuestión agora estriba en saber se, a pesar de non dispor de apoios, Pablo Iglesias se decide a apresentar a moción e, por tanto, a forzar o debate con Rajoy.

Na historia do actual réxime político español houbo dúas mocións de censura. As dúas fracasaron por non disporen dos escanos suficientes para prosperaren (176). Porén, as dúas tiveron efeitos moi distintos. A de Felipe González a Adolfo Suárez significou a súa consagración como alternativa. A de Antonio Hernández Mancha (AP), precisamente contra o líder histórico do PSOE, foi o principio do fin da súa carreira política.

Comentarios