O PSOE pide a Rueda que cese por agresión un edil de Cangas

Rueda di "non ver" unha agresión nos vídeos do pleno de Cangas.
photo_camera Momento da suposta agresión de José Luís Xestido a Iria Malvido. (Foto: PSOE)

O PSdeG pediu esta terza feira ao presidente da Xunta da Galiza e do PPdeG, Alfonso Rueda, que destitúa "de maneira urxente" o concelleiro popular de Cangas (O Morrazo) José Luis Xestido, após o incidente acontecido nun pleno municipal, no cal se dirixiu á bancada da tenente de alcaldesa e edil socialista, Iria Malvido, levantándolle a man, aínda que ela logrou apartarlla. 

En rolda de prensa, a presidenta do PSdeG, Carmela Silva; o secretario provincial do PSOE en Pontevedra, David Regades; e a propia Malvido criticaron esta actitude de Xestido, polo que pediron a Rueda que o destitúa para non ser "cómplice" desta forma de facer política. 

Interpretación "interesada"

Pese a esta petición, Alfonso Rueda dixo "non ver" unha agresión nos vídeos do pleno de Cangas da pasada quinta feira. Preguntado esta terza feira ao respecto, criticou a todos os que saen "en tromba" a "elevar este clima de crispación e de enfrontamento" a partir dunha interpretación "claramente interesada" das imaxes difundidas en redes sociais.

O Partido Popular, a pasada segunda feira, desculpara o concelleiro advertindo de que tratou de "tapar" o obxectivo da cámara do teléfono móbil da socialista coa que, segundo o PP, o estaba a gravar durante o pleno.

Comentarios