PSdeG reclama a Xunta axudas para o libro galego

Noa Díaz critica o “desleixo, despreocupación e falla de apoio” por parte do Goberno galego ao sector do libro.

 

Noa Díaz, deputado do PSdeG.
photo_camera Noa Díaz, deputado do PSdeG.

A portavoz de Cultura do grupo Socialista, Noa Díaz, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta a posta en marcha dun Plan de fomento da lectura en galego, tal e como obriga a Lei do Libro de 2006.

Díaz reclama, tamén, máis axudas ao sector editorial galego, sinaladamente en lingua galega, así como máis orzamentos para adquirir fondos e un Plan de promoción do libro galego.

A responsábel socialista denuncia o “desleixo, despreocupación e falla de apoio” do goberno galego co sector do libro, desatendendo ás obrigas fixadas pola Lei do Libro durante os últimos 16 anos”.

A deputada do PSdeG advirte que “o sector vén de sufrir nesta década unha forte redución de axudas e subvencións públicas, carencia de campañas de estímulo á lectura, a redución das axudas a bibliotecas públicas e falla de apoio ás librarías”.

Díaz denuncia que “a industria do libro galego, leva unha década arrastrando multitude de problemas, cun descenso notábel da produción e tamén dos índices de lectura na Galiza”.

A voceira socialista revela que o barómetro sobre hábitos de lectura e compra de libros elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España, sitúa a Galiza á cola na porcentaxe de lectores de libros en tempo libre.

Lectura en galego

A dirixente do PSdeG lembra que “este barómetro advirte que só  3,4% escolle a lingua galega como preferencia, e só 4% ten o galego como lingua habitual de lectura”. Nesta dirección, crítica que” o Goberno galego non tome ningunha medida para corrixir esta situación”.

A denuncia de Díaz coincide coa formulada polo Consello da Cultura Galega. A este respecto, o organismo asegura que “descende a compra de fondos para bibliotecas públicas e na dotación dos programas de fomento do libro e da lectura, con recortes de 50%  nalgúns casos”.

Comentarios