A direccion do PSdeG desbota que o grupo municipal de Ourense presente unha moción de censura contra Xácome

"Centraremos os nosos esforzos en traballar para que en 2023 haxa unha maioría progresista que poida gobernar o Concello de Ourense co PSdeG-PSOE á cabeza", sinalan os socialistas nun comunicado.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.(Foto: Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en Ourense. (Foto: Europa Press)

A dirección do PSdeG, co seu secretario xeral, Valentín González Formoso, á cabeza, pactou cos responsábeis locais e o portavoz no concello de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, desistir da intención de levar a cabo unha moción de censura, xunto co PP, contra o rexedor actual, Gonzalo Pérez Xácome.

Esta semana, tras as diferenzas mostradas nas actuacións do portavoz local e as mensaxes lanzadas pola dirección dos socialistas galegos, producíronse senllas reunións na sede do Pino, que deron paso a desbotar a posibilidade de promover unha moción de censura e negociar co PP de Ourense para desaloxar Xácome do bastón de mando a menos dun ano das municipais.

"Centraremos os nosos esforzos en traballar para que en 2023 haxa unha maioría progresista que poida gobernar o Concello de Ourense co PSdeG-PSOE á cabeza", sinalan os socialistas nun comunicado tras o encontro desta terza feira coa responsábel local, Natalia González.

Na segunda feira, a dirección de Valentín González Formoso xa lle trasladara a Villarino o rexeitamento para estabelecer estes contactos para unha moción de censura. No comunicado, o PSdeG reivindica o "compromiso" coa cidadanía de Ourense e "non pode admitir condicións ou pactos que limiten acordos entre forzas progresistas" para o futuro.

Centrar os esforzos no “proxecto”

Os socialista galegos explican que os órganos directivos do PSOE decidiron "non levar a cabo unha moción de censura conxunta co PP" e "centrar os esforzos" en presentar á cidadanía de Ourense "un proxecto que ilusione para un futuro que xa está ás portas".

Finalmente, o PSdeG incide no comunicado en que "a responsabilidade do desgoberno" da cidade de Ourense é "só do seu alcalde" e de quen "o sustentou" durante tres anos e tres meses, en referencia aos populares, que formaron parte do Executivo local até que Xácome rachou o pacto de Goberno entre PP e Democracia Ourensá (DO).

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fora o último en opinar sobre a cuestión da moción de censura. Aproveitando unha visita a Ourense esta segunda feira, Rueda instou a que os socialistas "se aclarasen" sobre a moción, e asegurou que o PP de Ourense tiña total autonomía para decidir.

Comentarios