Caballero, sobre o despedimento das traballadoras do PSdeG no Parlamento: "Fainos perder credibilidade"

"Desde logo, mentres fun secretario xeral, no PSdeG as traballadoras remataron os seus contratos e non houbo despidos", reivindicou o ex secretario xeral dos socialistas na Galiza.

Gonzalo Caballero nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O antigo secretario xeral do Partido Socialista da Galiza (PSdeG) e deputado no Parlamento da Galiza, Gonzalo Caballero, asegurou "non compartir" a decisión da dirección do partido de despedir as dúas persoas que traballaban actualmente para o grupo parlamentario socialista, xa que lles fai "perder coherencia e credibilidade".

Caballero publicou a súa opinión sobre os despedimentos na súa conta de Twitter, despois de que no día de onte se dese a coñecer un escrito firmado pola metade dos deputados e deputadas que integran o grupo socialista no Parlamento galego, e no que tamén estaba incluído o ex dirixente, exixindo ao PSdeG reverter a situación.

"Son despedimentos ("irregulares") dun traballador que é indefinido pola reforma laboral e doutro ou doutra contratada até final de lexislatura, en 2024. Non o podo compartir", explicou.

Sobre as dúas traballadoras despedidas, afirmou que se tratan de "boas traballadoras, moi profesionais e intachábeis nas súas tarefas, quero trasladarlles o meu apoio e solidariedade".

Conversa con Formoso

Para o socialista galego, o PSdeG está a tempo de "rectificar" e "reverter" os despedimentos "antes de que os traballadores demanden".

Segundo afirmou Caballero, pediu hai dúas semanas ao actual secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, "que non cometa ese erro".

"Desde logo, mentres fun secretario xeral, no PSdeG as traballadoras remataron os seus contratos e non houbo despidos", reivindicou o ex secretario xeral dos socialistas na Galiza.

Caballero subliñou que, "cando hai conflitos laborais e non hai razóns para despedimentos, os socialistas poñémonos do lado das traballadoras para defender a estabilidade e dereitos laborais". "Debemos aplicar na casa o que promovemos na sociedade. Ser coherentes cos nosos valores e ideas é a maior lealdade", concluíu.

Comentarios