PSdeG considera esgotado o proxecto de Rueda

O portavoz do grupo Socialista, Luis Álvarez, anunciou que intervirá no Debate do Estado da Nación desta semana para presentar a alternativa da súa formación ao Goberno do PP

Luís Álvarez, portavoz do PSdeG no Parlamento galego, esta segunda feira en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luís Álvarez, portavoz do PSdeG no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

Álvarez aposta por unha “alternativa de progreso” para Galiza fronte ao “proxecto esgotado e de fin de ciclo persoal” de Rueda e do PPdeG. Nesa dirección, lamenta que  Rueda faga do debate “o primeiro mitin dunha longa campaña electoral”.

Rueda na TVG

O deputado do PSdeG explicou que “os galegos e as galegas non queren un presidente da Xunta da Galiza que convide a cañas nin que vaia pintar a mona á TVG”. Precisamente, está é a expresión empregada por Rueda para referirse a súa presenza no programa Land Rover da canle pública galega.

O voceiro do PSdeG no Parlamento manifestou que os galegos “queren un presidente que xestione e dea solución aos seus problemas”. Neste sentido, advertiu  que o presidente da Xunta dá a lexislatura “por esgotada” e amosa a súa “incapacidade para establecer un programa e un proxecto de país”.

A promoción de Rueda

O dirixente socialista lamentou que a “campaña de promoción persoal” do presidente da Xunta inclúa o intento de “subverter o Parlamento e convertelo nun escenario para os seus actos de propaganda”.

Álvarez avanzou que na súa intervención da segunda feira centrarase na defensa dos servizos públicos de calidade e no reforzo da actividade económica, o emprego estábel e na recuperación da crise demográfica.

O deputado do PSdeG anunciou un  “proxecto alternativo” que aproveite ao máximo o autogoberno de Galiza para superar a situación de crise após de 14 anos de Goberno do PP baixo a presidencia de Feixoo e Rueda.

Comentarios