O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, recibirá na vindeira segunda feira —6 de xuño— a líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e mais o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, no que será o seu primeiro encontro coas formacións opositoras.
Sanidade, residencias, eólicos e a alza dos prezos, na axenda de Pontón
Desde o Bloque avanzaron que Pontón asistirá a esta xuntanza "tendo en conta que o BNG sempre ten a man tendida para chegar a acordos a favor da Galiza". Irá "sen apriorismos" e tomará como base o documento que a pasada semana trasladou a Rueda coas "prioridades" para o país".
"Plan de choque de 200 millóns de euros para sacar a Atención Primaria do colapso; paliar o impacto da crise de prezos mobilizando 700 millóns; avanzar nun modelo de residencias que garanta o dereito a unha vellez digna, convertendo os sete centros proxectados nas cidades en residencias de xestión pública, e reconducir o boom eólico especulativo nun modelo eólico a favor do país, tendo en conta que estamos nun momento de análise de centos de proxectos presentados polas empresas enerxéticas", precisaron desde a formación nacionalista.
"Si axudaría que o presidente nos enviase que temas quere abordar na reunión", aseverou a líder frontista, que pide á Xunta "a mesma seriedade" coa que, di, obrou o BNG cando trasladou as súas prioridades "hai semanas" porque "permitiría que a reunión fose máis positiva e frutífera".
Os socialistas urxen "contratos de calidade" para médicos
Unha axenda semellante presentará o PSdeG, cuxo portavoz no Parlamento, Luís Álvarez, afirmou que Formoso instará o presidente da Xunta a "reforzar" o sistema sanitario a través de "contratos de calidade", "reorientar" as políticas de atención ás persoas maiores e "apostar na innovación" para transformar o tecido produtivo galego.
Formoso, a preguntas dos medios nun acto como presidente da Deputación na Coruña, incidiu na importancia de abordar nesta reunión os asuntos "que de verdade preocupan á cidadanía", especialmente nunha "contorna socioeconómica" como a actual, marcada pola crise de prezos.
Neste sentido, o responsábel dos socialistas galegos subliñou que existe "preocupación" entre os galegos polo "colapso" do sistema sanitario, onde existen "dificultades para que te atenda o teu propio médico, que che asignen unha habitación cando entras en urxencias e listas de espera de seis ou sete meses para unha proba diagnóstica".
O PP pide "propostas sensatas e razoábeis"
Pola súa parte, desde o PP agardan que tanto Pontón como González Formoso asistan a este encontro con propostas "sensatas e razoábeis" e lonxe de "posturas demagóxicas".
O viceportavoz parlamentario popular, Alberto Pazos, subliñou que é "fundamental" que na Galiza haxa unha "postura común" para defender os seus intereses ante o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, cando reciba Rueda, que xa solicitou "formalmente" a xuntanza.
"Até o de agora só se preocuparon de criticar as medidas da Xunta para paliar a falta de médicos que existe a nivel non só de España, senón de Europa, e para o incremento de aumento de prazas de atención a dependentes", lamentou, e censurou que socialistas e nacionalistas unicamente lancen "propostas de investimento sen concretar de onde sairía ese diñeiro".