Pontón traslada por carta a Alfonso Rueda as "prioridades" ante a crise de prezos

Entre outras medidas, o BNG avoga por aprobar un paquete de 700 millóns de euros en medidas para "aliviar" a complicada situación de miles de galegas e galegos.
A líder da oposición no Parlamento galego, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A líder da oposición no Parlamento galego, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, remitiu esta segunda feira por carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha "axenda de prioridades" ante a "crise de prezos" que atravesa a Galiza.

Como xa avanzara en días pasados, esa "axenda" inclúe un paquete de 700 millóns de euros en medidas para aliviar a situación que viven as e os galegos, alén dun plan de Atención Primaria, medidas para unha "vellez digna" e actuacións concretas ante o "boom eólico".

Esta carta é "unha primeira oportunidade de dialogar", sinala Pontón

En rolda de prensa, Pontón indicou que lle brinda así "a primeira oportunidade" de "dialogar" nesta etapa que arrinca o novo Goberno da Xunta, ao que pide que "poña as pilas" para "dar solucións aos graves problemas" que ten o país.

Alén de remitir a que considera que debe ser a "axenda" prioritaria, Pontón adiantou que as medidas propostas tamén serán levadas en forma de iniciativas ao Parlamento da Galiza.

Na misiva, o Bloque ofrece estas propostas sen pedir unha reunión específica ou un modo de abordalas, mais a portavoz nacional cre que son unha boa base para "dialogar".

"Estou convencida de que Rueda ten unha primeira oportunidade se quere dialogar e chegar a acordos no noso país", manifestou Pontón.

Comentarios