O PSdeG insta Rueda a "exercer xa" de presidente e actuar "sen tutelas nin tutías"

Luís Álvarez di que as denuncias de familiares sobre a residencia 'Mi Casa' de Pazos de Borbén "poñen en evidencia a perversión do sistema que ten montado o PP".
O voceiro socialista na Cámara, Luís Álvarez, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O voceiro socialista na Cámara, Luís Álvarez, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, instou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a "porse a traballar" xa pola Galiza unha vez rematados os "fastos" na sucesión no PPdeG logo da marcha de Alberto Núñez Feixoo para liderar o PP estatal.

"Porque a euforia de traballar por unha nova maioría absoluta nas eleccións de 2024 ou de recuperar concellos e deputacións non vai resolver os problemas aos galegos, como tampouco os enfrontamentos co Goberno estatal", dixo.

Así, instou Rueda a exercer "xa" de presidente: "Que resolva os problemas que ten a Galiza e deixe as mensaxes de agravios falsos e aborde co Partido Socialista un diálogo fundamental para afrontar, cando menos, tres aspectos fundamentais", sinalou. Así, citou a necesidade de mellorar a situación da Atención Primaria, de avanzar nun novo modelo de residencias de atención a maiores e de activar o diálogo en materia de I+D+i.

Precisamente, en relación ás residencias, aproveitou para referirse ás denuncias sobre a atención recibida polos maiores na residencia 'Mi Casa' de Pazos de Borbén para asegurar que "pon en evidencia a perversión do sistema que ten montado o PP" na Galiza após "incrementar a privatización e reducir as inspeccións".

Aliás, considerou que o "estilo Rueda" no Goberno galego "non se vai notar máis aló do cambio de cara". "Imos ver máis do mesmo os dous anos que quedan de lexislatura", afirmou.

Por outra parte, instou tamén o novo presidente da Xunta a que "actúe sen tutelas nin tutías" pero tamén "sen baronías". "Que poña fin á tutela e tutía de [Manuel] Baltar e que actúe con criterio propio no Concello de Ourense para pór fin á situación de vergoña que vive a cidade", manifestou. De forma paralela, pediulle "desmarcarse de Feixoo" retomar o diálogo co PSdeG. "Podería empezar recibindo a Valentín González Formoso, a quen Feixoo non tivo tempo de recibir porque andaba por España adiante no canto de atender os problemas da Galiza", afirmou.

Por último, sobre o nomeamento da deputada Paula Prado como nova secretaria xeral do PPdeG, Álvarez afirmou que a súa designación tamén será "máis do mesmo" tendo en conta que segue "a mesma liña dialéctica e a mesma interlocución" que o anterior secretario xeral, Miguel Tellado.

Comentarios