68,04% das empresas con sede social na Galiza carecen de persoal asalariado

O tamaño a nivel empresarial importa. Precisamente son aquelas compañías consideradas  pequenas e medianas as que pasan máis dificultades en tempos de crise. Porén, na Galiza destacan aquelas empresas que non contan no cadro de persoal con ningunha persoa asalariada. Son 167.160 compañías.
O grupo Inditex é o primeiro empregador da Galiza con máis de 47.000 traballadoras e traballadores. (Foto: Manuel Milan)
photo_camera O grupo Inditex é o primeiro empregador da Galiza con máis de 47.000 traballadoras e traballadores. (Foto: Manuel Milan)

As microempresas, aquelas mercantís con menos de 10 traballadoras e traballadores, son ampla maioría no tecido empresarial. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), en 2020, último ano con cifras, de 245.660 compañías con enderezo social na Galiza, 167.160 carecen de persoal asalariado, o que representa 68,04% do total das compañías galegas.

69.304 compañías, isto é 28,2% do total, teñen entre un e nove asalariados. 44.201 declaran un cadro de persoal conformado por un ou dous traballadores por conta allea. Asemade, 17.949 empresas certifican entre tres e cinco empregados e 7.534 declaran contar cun número de seis a 
nove asalariados.

As pequenas empresas, mercantís entre 10 e 49 traballadores, son un grupo moi reducido no país. A este respecto, o Instituto Galego de Estatística sinala que pertencen a esta categoría 7.812 sociedades, cunha clara maioría das compañías  incluídas na súa franxa baixa. Neste sentido, 5001 empresas contan cun cadro de persoal de entre 10 e 19 traballadores e 2.811 dispoñen de 20 a 49 asalariados.

1.308 compañías teñen a consideración de mediana empresa. Neste caso, 801 declaran un cadro de persoal de 50 a 99 persoas asalariadas, 407 de 99 a 250 traballadoras e traballadores e 100 de 250 a 499 empregados. Precisamente, este grupo de sociedades vense obrigadas en moitos casos pola falta de instrumentos axeitados de financiamento a abrir as portas aos fondos de investimento.

A grande empresa, isto é as compañías con máis de 500 traballadoras e traballadores, é unha excepción na Galiza. Segundo o INE, teñen esta consideración 68 sociedades, isto é 0,02% do conxunto do tecido empresarial galego.

A demografía empresarial galega non presenta grandes diverxencias coa española ou coa media dos países da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE). 95,4% das compañías galegas teñen a consideración de microempresas, só 0,7 puntos menos que a media española e 1,3 puntos inferior á media da OCDE. As diferencias son máis evidentes con aquelas áreas máis desenvolvidas da UE, como Alemaña, onde as microempresas representan 82% do total.

As pequenas empresas significan na Galiza 3,1% do total, fronte a 5,3% do Estado, 5% da OCDE e 15,2% de Alemaña. As medianas empresas suman no país 0,5%, 0,6% no espazo estatal, 0,7% na media da OCDE e 2,3% en Alemaña. As grandes empresas representan 0,02% do tecido empresarial galego, 0,1% do estatal, 0,2% da OCDE e 0,4% de Alemaña.

A forma xurídica

A personalidade xurídica e mais o número de persoas empregadas das empresas varía en función da rama de actividade. Así, por exemplo, no sector primario 88,73% das empresas son persoas físicas, mentres que na industria e na enerxía esta porcentaxe baixa até 39,18%. Asemade, na construción, o peso das persoas físicas é tamén superior ao das sociedades limitadas, pero ambas as porcentaxes están máis próximas, marcando 51,35% e 41,19%, respectivamente. Outro tanto, acontece no sector de servizos, onde 60,13% das empresas corresponden a persoas físicas.

O profesor da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela Gonzalo Rodríguez leva varios anos investigando sobre a demografía empresarial galega. Neste sentido, considera que o “característico da Galiza é a ausencia de empresas medianas, agás no sector pesqueiro”, destaca a necesidade das mesmas porque “adoitan estar moi ligadas ao territorio, teñen capacidade de crear emprego, innovan e son sensíbeis á súa realidade”. Advirte tamén do “problema de capitalización e da falla de músculo financeiro”.

Rodríguez significa a Nós Diario que “estas empresas medianas son as que presentan máis dificultades en momentos de crise”. “As microempresas, maioritarias na Galiza e en todas as partes do mundo, teñen máis flexibilidade para adaptarse en momentos críticos e as grandes empresas, a minoría na Galiza e en todas partes, teñen o músculo suficiente para tirar para adiante, porén isto non acontece coas empresas medianas, moitas das cales están caendo en mans de fondos de investimento”.

O tamaño das sociedades importa

Gonzalo Rodríguez non ten dúbida de que o “tamaño das empresas importa”. Neste sentido, destaca que “garda unha relación clara co aumento da produtividade” e coa “maior capacidade para competir”. Porén, lembra que “a base de toda estrutura económica son as empresas pequenas”.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios