A castaña como motor empresarial

A proxección internacional da castaña permitiu ao Grupo Cuevas situarse no mundo da alimentación. A súa aposta pola entrada no comercio almacenista e polos estabelecementos de proximidade afianzou unha carreira empresarial que suma chanzos desde 2018 cando buscou medrar na contorna da Galiza.
As novas instalacións do Grupo Cuevas da Cidade do Transporte en San Cibrao das Viñas (Grupo Cuevas).
photo_camera As novas instalacións do Grupo Cuevas da Cidade do Transporte en San Cibrao das Viñas (Grupo Cuevas).

O Grupo Cuevas vén de anunciar a adquisición da empresa Malaquías Morales, a histórica compañía dedicada especialmente á venda no sector de hostalaría que opera en Asturies e Cantabria, nun proceso de expansión que iniciou no Bierzo en 2018 cando abriu coa apertura da tenda Cuevas Cash en Ponferrada

"Non buscamos medrar por medrar, aproveitamos oportunidades para ampliar as nosas expectativas de forma natural", explicaba o director xerente da compañía ourensá, Artur Yuste, o mesmo día do anuncio da compra. Con esta operación o Cuevas consolida a venda do sector almacenista integrando oito novos centros de venda e a súa sede central do polígono industrial de Roces, en Xixón, cunha superficie de case 20.000 metros cadrados.

Ademais comprométese a manter os 60 postos de traballo que teñen na actualidade nas súas instalacións. Para Yuste "con esta operación crecemos, pero sobre todo facémonos máis fortes, e convertemos o noroeste do Estado na zona natural de actuación do Grupo Cuevas". 

Aumento en facturación e persoal en 2020

"Propuxémonos non lembrar 2020, nin os anos seguintes, pola pandemia e os seus efectos ou consecuencias, senón por fitos como alcanzar a maior dimensión de emprego nos 154 anos de historia da compañía", sinalaba Yuste. O ano de inicio da pandemia encadeaba un novo récord de facturación, situándoa en 124,91 millóns de euros, un 13,13% máis que en 2019 (110,41 millóns), cun beneficio bruto de 4,63 millóns de euros e uns investimentos superiores aos cinco millóns de euros.

A sociedade principal, Ignacio de las Cuevas, elevaba as súas vendas até o limiar dos 110 millóns, ao protagonizar un crecemento interanual dun 15,8%. Pola súa banda, Frunatur, a súa plataforma de produtos vexetais frescos, volvía liderar as subas entre as sociedades do grupo, ao medraren un 28,7% en vendas e un 75,8% no beneficio bruto de explotación. 

En relación ao emprego, a compañía remataba o pasado exercicio con 700 traballadoras e traballadores, un 8,5% máis que na mesma data de 2019, en coincidencia cunha das campañas máis intensivas do ano, a de Nadal, e cun peso significativo da actividade relacionada coa castaña. 

A castaña como motor empresarial

Na historia deste grupo empresarial marcou un punto de inflexión a aposta pola castaña. Partindo do inicio como un estabelecemento de ultramarinos en Ourense fundado en 1867, nace a empresa que en 1944 comeza a exportar produtos agrosilvestres frescos a América, nomeadamente a castaña, moi demandada pola emigración galega.

Nos anos 70 comeza a exportación deste produto como conxelado a Asia, abre os primeiros estabelecementos por xunto e convértese no primeiro comercializador do Marrón Glacé do Estado español, un doce feito tras confeitar a propia castaña.

Co cambio de século a compañía ourensá busca chegar ao consumidor final e crea os supermercados 'Aquí' e pasa a estar presente en toda Galiza a través da súa alianza coa firma internacional Spar que conta cunha implantación no rural e co obxectivo último de abrir entre 150 e 200 estabelecementos antes de 2023. 

A castaña segue sendo o motor do Grupo Cuevas. En xullo recibiron a notificación de que contan, un ano máis, coa certificación IFS (International Featured Standards), un selo que lles permite chegar a outros mercados internacionais como comprobante da súa seguridade e calidade alimentaria. Ademáis da comercialización alimentaria, o ano pasado a compañía ourensá atopou unha segunda vida para a pel deste produto que empregan para elaborar o marron glacé.

En decembro presentou una experiencia ligada á economía circular e a sustentabilidade no seu proceso de transformación da castaña a través da colaboración co Atelier Aletheia, unha marca de roupa feita de forma artesanal e que utiliza só tinguiduras naturais, e que vén de culminar o proceso de tinxido e creación de pezas con liños ou las adquirindo as tonalidades extraídas das castañas.

O Grupo Cuevas e o galego

O Grupo Cuevas conta na actualidade con 65 estabelecementos de proximidade espallados pola xeografía galega, a través do acordo coa empresa Spar, e 19 grandes superficies cunha filosofía propia: Aquié, Plenus e Aquí. Sumados os Cuevas  Cash, Grupo Cuevas achégase aos 80 centros abertos (79) e ao 40 mil metros cadrados de superficie total de venda (39.485).

Nos seus supermercados a lingua galega é protagonista e tamén contan con ela para as súas campañas de promoción. Este pasado mes de marzo, a compañía ourensá foi unha das galardoadas na XXVIII Edición dos Premios de Publicidade en galego pola súa campaña en internet a través da plataforma YouTube co seu vídeo 'Gústame ir ao súper'.    

Comentarios