Cinco problemas que se agravaron nestes cinco meses de Presidencia de Rueda

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniu onte o Goberno galego para facer balance dos seus cinco meses de mandato. Un cómputo que Rueda puntúa positivamente. Porén, neste período tamén houbo evidentes mostras de malestar cidadán con problemas que, lonxe de iren cara a unha solución, empeoran.
Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)

Alfonso Rueda tomou posesión como presidente da Xunta o pasado 14 de abril e coa Presidencia recibía a mochila de 13 anos de gobernos de Alberto Núñez Feixoo, mochila que el tamén axudou a encher como conselleiro e vicepresidente. Nela, hai problemas e eivas que, cinco meses despois, seguen sen solución e camiño de agravarse.

1.— A sanidade, ao bordo do colapso. Rueda recibiu unha sanidade deteriorada por estes anos de recortes mais cuxa situación empeorou nestes meses. As denuncias de centros de saúde sen persoal médico—sen ir máis lonxe, este domingo os PACs de Baltar, O Grove e A Parda estiveron sen médicos todo o día—, a falla de persoal e medios en Atención Primaria, a carencia de especialistas ou as queixas polo "colapso" dos servizos foron constantes este verán. Desde o Goberno de Alfonso Rueda a resposta limitouse a botar culpas ao Executivo estatal ou avalar medidas discrecionais de certos concellos, como o de Sanxenxo, ofrecendo aloxamentos para o verán a médicos. Un informe do Consello Económico Social no verán resaltaba: A Galiza está á cola do Estado en número de médicos e con 1. 056 camas hospitalarias menos que cando o PP chegou á Xunta.

2.— O ensino público, minguado. Este curso foi o primeiro para Alfonso Rueda como presidente galego. As protestas e mobilizacións da comunidade escolar desde o seu arranque  (con 747 prazas docentes sen cubrir no día de inicio) até agora evidencian o desacordo cunha política que, denuncian, se traduce no fechamento de 59 aulas de Infantil e Primaria, a redución de prazas e profesorado en Secundaria e o aumento das ratios nas aulas. 

Ao tempo, indican sindicatos e ANPA, dáse un progresivo aumento do apoio da Administración pública galega ao ensino concertado e privado (22% máis de orzamento desde 2009).  

3.— Inmobilismo perante a crise pola suba de prezos. A chegada de Alfonso Rueda á Presidencia coincide co agravamento da inflación e da crise de prezos, un escenario ante o que a intervención pública faise indispensábel. Porén, a oposición reprocha ao Goberno de Rueda apuntarse ao "inmobilismo" mentres miles de familias vén empeorar a súa situación. Decisións como a de suprimir nun contexto de crise a Tarxeta Axuda —beneficiaba 70.000 familias con dificultades— foron amplamente criticadas por entidades e colectivos.

4.— Unha economía en espera. Rueda centrou as súas propostas para a economía galega na "choiva" de millóns dos fondos Next Generation para proxectos como o de Altri ou Stellantis, dos que aínda non hai fondos comprometidos. En termos de emprego, desde as centrais sindicais advirten do perigo de que os últimos datos de paro rexistrado —agosto, 2.062 persoas desempregadas máis— vaian ser a partir de agora a tónica dominante.

5.— Récord de incendios. Este verán arderon máis de 43.000 hectáreas na Galiza, o peor rexistro nesa tempada en 15 anos. Para alén duns meses de altas temperaturas de récord e da seca brigadistas e expertos criticaron unha política da Xunta contra o lume que "fracasa" ano tras ano e sen persoal suficiente.

Comentarios