ARRANCA A CAMPAÑA

Primeiras mensaxes: estabilidade (PP), mobilización (PSOE), cambio (En Marea) e ser decisivos (BNG)

Sen moito ambiente de campaña, nen na rúa nen nas redes sociais, a carreira cara ao 26X xa se puxo en andamento. Marcados polos prognósticos do CIS, os distintos actores comezaron a ensinar as súas cartas.

 

BNG acto abertura campaña eleccións xerais 2016
photo_camera Acto de abertura da campaña do BNG

PP

Boa proba do perfil baixo que o PP quixera para esta campaña é que a esta altura da noite en que redactamos estas liñas, por volta das 24 horas, a conta twitter @ppdegalicia non informa do acto que protagoniza Feijóo na Alameda de Compostela, mais se imos a @PPopular, a conta estatal, tampouco achamos ningunha referencia á colada de cartaces con Rajoy.  

En todo caso, a mensaxe do PP é que nada sustancial debe mudar, a mensaxe da estabilidade. Así o transmite o chío da súa dirixente catalá Andrea Levy: "Quen se abraza cos anti-sistema acaba como Catalunya esta semana". Esa vai ser a campaña do PP: ou eles como partido de orde ou o caos presidido polos anti-sistema (Podemos) co PSOE como comparsa.

PSdeG-PSOE

A conta twitter do PSdeG, en contraste coa do PP, si informa do acto de Xaquín Fernández Leicega en Praterías.  "Feijóo ten alma de contábel e espiritu de comentarista, pero non ten talla para ser presidente", atacou o candidato socialdemócrata á presidencia da Xunta

LeiceagaAs mensaxes principais da campaña do PSOE vehiculizounas obviamente o seu número un e candidato á presidencia do Goberno, Pedro Sánchez, nun acto en Madrid. O seu discurso foi un chamado un tanto á desesperada para mobilizar un eleitorado, o do PSOE, ao que o propio secretario xeral do partido ve "desmotivado", como declarou esta mesma segunda feira. "Apelo ao voto socialista. España nunca o necesitou tanto como agora. O cambio non ten intermediarios e por iso merece máis a pena acudir a votar", dixo Sánchez, que combinou as críticas a Rajoy cos dardos a Podemos. "Enfrentámonos aos dous polos extremos, opostos. Nós somos a moderación".

En Marea

"Cambio histórico". Esa foi a expresión utilizada por Antón Gómez Reino, número un de En Marea, para se referir ao que o 26X pode traer ao Estado, como limiar da mudanza que se podería producir na Galiza no outono. O dirixente de Podemos protagonizou, na Praza do Toural, o acto co que En Marea abriu a campaña e fíxoo na compaña da número dous, Yolanda Díaz, coordenadora nacional de Esquerda Unida

Tone"Hai seis meses En Marea demostrou o valor da unidade, do país, e conseguiu un resultado histórico. Hoxe estamos a vivir outro momento histórico: o vindeiro 26X non só imos a unhas eleccións, senón a decidir un cambio de época, o rumo dunha xeración", dixo Gómez Reino. 

O discurso, de ton épico, remitía implicitamente para a hipótese de Podemos e as confluencias superaren o PSOE no conxunto do Estado, pois iso si que sería histórico e non tanto a derrota do PP, que xa ten perdido eleccións (o PSOE, desde 1977, sempre foi como mínimo segundo nos comicios xerais). A liña discursiva quer de En Marea quer de Podemos leva implícita desde hai semanas a idea do sorpasso, isto é, a loita pola hexemonía no campo da esquerda estatal, o duelo entre a vella e a nova socialdemocracia, por empregarmos a terminoloxía de Pablo Iglesias.

BNG-Nós Candidatura Galega

Mentres, en Bueu, a bordo dun barco pesqueiro, o BNG lanzaba a súa campaña cunha idea entre cella e cella: que Galiza apareza no escenario con voz propia. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expresou con toda clareza que "nun escenario sen maiorías, os escanos do BNG poden ser chave para condicionar o goberno a favor da Galiza".

"Un escano do BNG pode darlle máis peso a Galiza en termos cualitativos do que 23 ás ordes de Rajoy, Sánchez, Rivera ou Iglesias", acrecentou a líder nacionalista. O Bloque apenas se inmutou ao coñecer a enquisa do CIS. Xa daban por amortizado o resultado. Os inquéritos, afirman, non teñen neste momento un grande valor preditivo porque existe unha alta ocultación do voto e moita indecisión. A baza que quer xogar o BNG é a mobilización do seu eleitorado.

Para iso as e os nacionalistas apelan a súa razón de ser, a necesidade de Galiza se valer de forzas políticas propias. En palabras de Luís Bará, número un ao Congreso por Pontevedra, "a nosa liña vermella vai ser poñer o país por diante, para que poida saír adiante por si mesmo e desenvolver o seu potencial. Por iso imos traballar nesta campaña para que a xente saiba que nós imos supoñer unha representación forte e contundente, como xa o demostramos os últimos 20 anos que estivemos no Congreso".

Nota de Sermos: todas as imaxes están tiradas das contas twitter dos partidos
 

Comentarios