ANÁLISE

Comeza a campaña co PP por diante, a esquerda estatal dividida e Galiza fóra de foco

O remake do 20D xa está aquí. A campaña, que formalmente comeza esta quinta feira ás 24 horas, perfílase máis desgaleguizada que nunca após En Marea xa non ter a demanda de grupo parlamentar como estandarte. Só o BNG tenta galeguizar o temario.

Colexio electoral 20D eleccións xerais
photo_camera Aspecto dun colexio eleitoral galego o 20D

Este 26 de xuño, 2,7 millóns de galegas e galegos están chamadas e chamados a votaren outravolta para resolver o que os partidos con representación parlamentar non foron quen de facer estes meses: conformar un goberno. Do 20D ao 26X o eleitorado galego adelgazou en 4.133 persoas, segundo os dados do Instituto Nacional de Estatítisca (sic), unha sorte de metáfora da queda demográfica do país. Son 1.087.463 eleitoras/es por A Coruña, 348.556 por Lugo, 364.465 por Ourense e 901.213 por Pontevedra. Elixirán 8, 4, 4 e 7 deputadas e deputados, respectivamente. E, claro, 4 senadoras/es por circunscrición.

No Congreso o reparto o 20D foi: PP, 10; En Marea, 6; PSdeG-PSOE, 6; Ciudadanos, 1. Os inquéritos coñecidos sinalan unha tendencia á alza de En Marea, mais, como ten asinalado o politólogo e colaborador de Sermos Antón Losada, as enquisas non son particulamente fiábeis neste momento. Por que? Primeiro porque proxectan o resultado dunhas eleccións que carecen de precedentes (a repetición duns comicios) co cal os modelos preditivos tradicionais non son de moita aplicación. En segundo lugar porque moita xente rexeita contestar. "Cando iso acontece, tes que irte a un segundo caso e ás veces a un terceiro caso. Iso reduce moito o valor preditivo do inquérito porque non é o mesmo un terceiro caso que un primeiro", explica Losada. Un caso, na xíria dos inquéritos, é unha persoa representantiva dun determinado segmento social, unha peza no puzzle do inquérito. Cando faltan varias delas, o inquérito gaña en marxe de erro.

Como ten asinalado Antón Losada, as enquisas non son particulamente fiábeis neste momento

En todo caso, a enquisa do CIS -divulgada esta mesma quinta feira- avala a tese do sorpasso: o envorcamento no lado esquerdo do taboleiro sería a prol de En Marea na Galiza e Unidos Podemos no Estado.

Sondaxes á marxe, os trazos básicos da campaña, partido a partido, son os seguintes:

PP. Vende basicamente estabilidade e previsibilidade, estilo Rajoy puro e duro. A idea central é a mesma que a do 20D: ou eu ou o caos. Ten máis forza que entón porque as eleitoras e os eleitores xa tiveron a oportunidade de comprobar a incapacidade de Podemos e PSOE para alcanzaren un acordo. O PP mantén a súa oferta de pacto trilateral -con Cs e PSOE- e prefire dirixir os dardos a Podemos, para polarizar a campaña entre os extremos do taboleiro, coa intención de engruñar os espazos ás formacións que o eleitorado percibe máis no centro -precisamente Cs e PSOE. 

O ponto máis vulnerábel do PP continúa a ser a corrupción e o escaso atractivo do seu candidato. Contodo, Rajoy si que mudou algúns aspectos do seu modus operandi. Aceita por vez primeira ir a un debate a 4 (13 de xuño, o único da campaña) e mesmo se pon ao teléfone para entrar en emisoras de radio como un candidato máis.

PSOE. A súa bandeira é a da socialdemocracia centrista. O seu espazo, cada vez máis minguado pola irrupción de Unidos Podemos. O seu lastro, a división interna e a incapacidade para sintonizar cos sectores máis dinámicos e novos do eleitorado. A súa única baza, que o eleitorado non acabe de ver Pablo Iglesias como un presidente verosímil. Continuará a vender a mercadoría do goberno do cambio e do pacto transversal (con Cs) para empurrar Podemos ao lado máis extremo do taboleiro. Segundo o CIS, o PSOE é o partido máis próximo á maioría do eleitorado (que se auto-posiciona no centro ou no centro-esquerda), mais na prática está a ser acosado por unha formación á quen ese mesmo eleitorado sitúa na esquerda radical.

Unidos Podemos. A súa batalla é o sorpasso, o soño de Anguita. Dirixirán os míseis basicamente ao PP e procurarán aparecer co rosto máis moderado posíbel. Por vez primeira, comparecerán perante o eleitorado ancorados á esquerda, o que lles resta atractivo para os sectores cidadáns que prefiren a transversalidade. Xa non poden argumentar que isto non vai de esquerda e direita. Teñen a favor un candidato que se medra en campaña, a súa mestría no uso das redes sociais e o apoio de meios de comunicación de masas moi relevantes (nomeadamente La Sexta).

Unidos Podemos teñen a favor un candidato que se medra en campaña, a súa mestría no uso das redes sociais e o apoio de meios de comunicación de masas moi relevantes (nomeadamente La Sexta)

Ciudadanos. Comezan mal posicionados, perdendo eleitoras e eleitores a estribor (para o PP) e a babor (para o PSOE e até para Podemos). Teñen un problema: o 20D non sumaron maioría absoluta nen co PP nen co PSOE. Ergo, non son percibidos como voto útil.

E Galiza?

Pois obxectivamente a campaña galega non se prevé moi distinta da española, salvo por un factor, a existencia do nacionalismo. O mantra do grupo parlamentario, un dos grandes animadores do 20D, pasou a mellor vida despois de En Marea decidir -contra o criterio de Anova- voltar a se rexistar como coligazón, o que na práctica pulveriza todas as súas opcións a formar unha agrupación distinta da de Podemos. En todo caso, a apelación ao grupo practicamente desapareceu do seu discurso e o seu relato é neste momento virtualmente indistinguíbel do de Unidos Podemos. Aquí como en Madrid, se acaso, as apelacións ao cambio de réxime foron substituídas pola profesión de fe socialdemócrata, o novo credo que, segundo os gurús da Complutense, pode acabar dándolles a vitoria fronte ao PSOE.

O Bloque ten como obxectivo galeguizar o temario da campaña e facer chegar unha mensaxe clarísima ao seu eleitorado: Galiza como país non pode ficar fóra do novo Congreso

O factor diferencial, portanto, está no nacionalismo político galego. Aí o BNG resgata as súas siglas históricas, un aceno que está a ser ben visto pola súa base social. O Bloque ten como obxectivo galeguizar o temario da campaña e facer chegar unha mensaxe clarísima ao seu eleitorado: Galiza como país non pode ficar fóra do novo Congreso e un deputado ou unha deputada poden ser decisivos para a conformación das maiorías parlamentares.

Pistolada de saída

En calquera caso, a campaña comeza fría e coa ameaza dunha alta abstención pairando sobre o palco (eis o revelador dado de o último puxilato televisivo Iglesias-Rivera ter 2 millóns menos de televidentes do que o primeiro). Todo apunta a que a participación será menor. A chave para as forzas políticas é que se absteñan os outros, non os seus.

A pistolada de saída na Galiza, ao fío desta meia-noite, reunirá en Santiago PP, En Marea e PSdeG con actos na Alameda, Toural e Praterias, respectivamente, en tanto que o BNG innovará e se irá a Bueu. 

Comentarios