Feixoo critica o estado de alarma que se "carga" o Nadal

O presidente da Xunta carga contra o decreto de alarma prolongada e, a respecto dos proxectos que remitiu a Sánchez para optar a fondos europeos, di que non os fará públicos até que nas próximas semanas se coñezan os criterios da UE e do Estado sobre a avaliación das candidaturas.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na Conferencia de Presidencias con Pedro Sánchez (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na Conferencia de Presidencias con Pedro Sánchez (Foto: Xunta da Galiza)

Priorizando o Nadal e a Semana Santa sobre a situación sociosanitaria, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, valorou que o decreto de estado de alarma de Pedro Sánchez  "é demoledor". O mandatario galego criticou que prever a alarma até o 9 de maio dana a reputación internacional do Estado e lanza ao turismo exterior unha mensaxe para que "esquezan" vir a Galiza e a España nesas datas de celebración.

O grinch, aquel trasno verde que roubou o Nadal no conto infantil publicado en 1957 polo Dr. Seuss e que anos despois se encargou de inmortalizar Marvel na gran pantalla, retorna agora en forma de estado de alarma. Con 6.766 casos de coronavirus na Galiza, 868 falecementos e co contaxio cada vez máis descontrolado en residencias de maiores, Alberto Núñez Feixoo preferiu cargar contra o estado de alarma prolongado até maio por ser "demoledor" para a economía, xa que englobaría as festa do Nadal e a Semana Santa. En rolda de prensa desde San Caetano, o mandatario galego preguntouse que opinará un cidadán americano ou europeo ao ver que España terá un estado de alarma até o mes de maio: "dicímoslles que esquezan España no Nadal e na Semana Santa". 

"É un pau enorme para as expectativas de reconstrución da nosa economía e un pau sen precedentes ao sector hostaleiro e de servizos", dixo o presidente. 

Si ás restricións mais non con alarma

Feixoo recoñeceu que para que os Tribunais Superiores de Xustiza non boten atrás medidas que apliquen as comunidades que teñan por obxectivo limitar a mobilidade e pór en marcha confinamentos, é "imprescindíbel" o estado de alarma, mais opúxose a que este se prevea até maio e demandou xestionar a pandemia "sen tanto alarmismo", avogando por unha reforma de lei orgánica de saúde que inclúa medidas excepcionais para así non ter que recorrer á alarma para conculcar dereitos fundamentais como a mobilidade. De facto, o presidente xa enviou un borrador de reforma a Pedro Sánchez, aínda que no PP non debeu caer ben que Feixoo exercese o papel que corresponde a Pablo Casado como líder da oposición, pois este aínda non levou tal proposta ao Congreso. 

O presidente si se situou a favor de restricións de horarios e de mobilidade, mais non de facelo con estado de alarma "e menos se vai acompañado de recoller obrigatorio. Lamento dar esta imaxe internacional", engadiu, a pesar de que estas medidas xa se están aplicando tamén en gran parte do mundo. 

Non podemos estar seis meses en estado de alarma, non hai un precedente na historia democrática, dixo Feixoo, sen reparar en que tampouco hai un precedente de pandemia mundial na historia próxima da Galiza.  

Blindar Galiza, polo de agora non

O novo decreto de estado de alarma do Goberno español permite aos Executivos das comunidades autónomas decretar o confinamento perimetral dos seus territorios, unha cuestión que até o de agora estaba centralizada. Agora, após o recente fechamento de Madrid e outras rexións, Feixoo foi preguntado sobre a idoneidade de estabelecer un confinamento perimetral da Galiza e, aínda que non o desbotou nun futuro próximo, asegurou que polo de agora non se prevé aquí. 

O misterio dos 108 proxectos da Xunta

No marco da Conferencia de Presidencias que esta segunda feira reuniu de maneira telemática Pedro Sánchez cos mandatarios autonómicos e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, Feixoo interviu para reivindicar a necesidade de coñecer os criterios de reparto do fondo europeo de reconstrución que se estabelezan desde o estado e a UE. 

A este respecto, Nós Diario preguntou Feixoo cando fará públicos os 108 proxectos que a Xunta remitiu a semana pasada a Sánchez para captar fondos, unha cuestión que a este xornal non se lle deu resposta desde a Consellaría de Economía desde a sexta feira. Precisamente, BNG e PSdeG demandaron coñecer tales proxectos e volveron criticar a "opacidade" sobre os mesmos. Na súa resposta a este medio, Feixoo emprazounos a agardar unhas semanas a que se coñezan os criterios da UE e do Estado para valorar os proxectos, será entón cando se fagan públicos, pois non lle ve sentido a "concretar para desconcretar". 

Comentarios