Luz verde á comisión de reactivación da Galiza

Os tres partidos con representación no Parlamento galego -PP, BNG e PSdeG- acordaron na Xunta de Portavoces constituír unha comisión non permanente de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural da Galiza.
 
Xunta de portavoces
photo_camera Xunta de portavoces (Imaxe: Parlamento da Galiza)

Os tres partidos con representación no Parlamento galego -PP, BNG e PSdeG- chegaron a un acordo na Xunta de Portavoces de desta terza feira, 15 de setembro, para constituír unha comisión non permanente de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural da Galiza pola crise da Covid-19.

O Bloque foi o primeiro en rexistrar na segunda feira, 14 de setembro, a iniciativa na Cámara galega, e logo fixérono os populares. Aínda non se determinaron as e os membros da comisión e os grupos teñen de prazo até a vindeira segunda feira para a súa designación. A composición desta comisión será proporcional á representación de cada formación. Así o PP contará con sete integrantes, tres serán do Bloque e dúas do Partido Socialista. 

O portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy, cualificou de "boa noticia" e de "satisfactorio para todos" este acordo. Por parte do BNG, a súa viceportavoz, Olalla  Rodil, reivindicou conseguir "axilizar" a súa constitución co paso dado na segunda feira ao rexistrar a súa creación. “Ese era o noso obxectivo por unha razón moi clara: non hai tempo que perder cando temos milleiros de galegas e galegos que quedaron sen emprego, que están en ERTE, que non saben se van poder manter levantada a persiana do seu negocio, miles de persoas preocupadas pola situación sanitaria, educativa e polo seu futuro”, considerou  Olalla Rodil.

Mentres, o viceportavoz do PSdeG, Pablo Arangüena, asegurou que foi o seu grupo o que propuxo que "sexa a propia mesa do Parlamento a que impulse esa comisión", deixando "entre paréntese calquera discrepancia" en busca do "consenso". "E así se acordou. Non vai ser unha cuestión que monopolice ningún dos grupos na medida en que é unha cuestión de país, polo menos a súa constitución", incidiu o socialista.

Crise nas residencias

De cara ao primeiro pleno ordinario da XI lexislatura, o BNG someterá a debate a creación dunha comisión de investigación das residencias de maiores durante a pandemia.

"O obxectivo é analizar que pasou, detectar en que se fallou e corrixir os erros para non repetilos ante unha nova onda, e asegurar que o dereito das persoas a unha vellez digna", informou Rodil. A nacionalista cualificou de "cinismo" a actitude do PP por rexeitar esta comisión na Galiza e propoñela no Congreso. 

Comentarios