O PPdeG deixa a súa renovación interna para 2021

A sucesión de Núñez Feixoo condiciona os próximos congresos dos populares.
Clausura do congreso do PP de Lugo en 2016. (Foto: Europa Press)
photo_camera Clausura do congreso do PP de Lugo en 2016. (Foto: Europa Press)

A pandemia ten alterado a vida orgánica das formacións políticas galegas. Se o BNG se viu obrigado a retrasar pola Covid-19 a súa asemblea nacional prevista para finais deste ano, os populares adiaron os seus congresos territoriais para a primavera de 2021 na busca dunha situación máis proclive. Mentres os nacionalistas agardan realizar o seu conclave nun contexto de tranquilidade interna favorecida polos resultados electorais, as augas baixan máis revoltas nas filas socialistas, tamén con congreso convocado para 2021 e para os populares, condicionados pola novo tempo que se abre co abandono da primeira liña política por parte de Núñez Feixoo.

As direccións territoriais dos populares atópanse na interinidade. Segundo os estatutos da formación, a súa renovación debe realizarse cada catro anos polo que tiña que estar concluída en 2020, porén Núñez Feixoo a nivel galego e Alfonso Rueda, Diego Calvo, Elena Candia e Jose Manuel Baltar no ámbito provincial continúan á fronte do partido.

A este respecto, os membros da formación consultados por Nós Diario dan por feito pelexa para facerse coas direccións provinciais, conscientes da súa importancia para o proceso de elección do sucesor de Núñez Feixoo. Nese sentido non dubidan da continuidade de Diego Calvo e José Manuel Baltar á fronte da Coruña e Ourense pero abren a posibilidade a mudanzas en Lugo e Pontevedra.

A situación é máis complexa nas urbes galegas. Así, na Coruña, o partido está dirixido por unha xestora encabezada polo presidente da autoridade portuaria, Martín Fernández Prado, unha vez que Beatriz Mato abandona a primeira liña política para dar o salto á empresa privada.

Outro tanto acontece en Santiago de Compostela, cunha xestora encabezada polo deputado Borja Verea, substituto do dimitido Agustín Hernández, após os seus sucesivos fracasos no asalto alcaldía. Máis do mesmo vívese en Vigo, cun partido roto pola metade é unha dirección provisional liderada por Corina Porro, quen tenta reconstruír a organización tras a desfeita provocada pola hoxe senadora, Elena Muñoz. 

O futuro das persoas máis asociadas á etapa de Feixoo está por ver. Nesta situación atópase o secretario xeral do partido na Galiza, Miguel Tellado, un dirixente sen poder territorial e cuxa continuidade no cargo se ve practicamente imposíbel.

Outro caso diferente é o de Pedro Puy, cuxo papel nos vindeiros anos vai depender da súa disposición persoal.

Comentarios