Análise

A sucesión de Feixoo marca a axenda da Xunta

Os cesamentos das últimas semanas no Executivo galego apuntan ao proceso de renovación no Partido Popular.
Fernández-Couto, nun encontro cunha brigada de extinción de incendios. (Foto: Europa Press)
photo_camera Fernández-Couto, nun encontro con axentes forestais. (Foto: Europa Press)

O proceso de sucesión de Alberto Núñez Feixoo segue condicionando os movementos no interior da Xunta da Galiza. Se os nomeamentos nos primeiros niveis do Goberno serviron para deixar claro que Alfonso Rueda non conta co apoio do presidente galego para relevalo, as saídas nas esferas secundarias da administración adiantan a emerxencia dunha nova xeración destinada a dirixir o Partido Popular na Galiza nos próximos anos. Porén, os aspirantes a liderar os populares galegos tras a marcha de Feixoo continúan atrincheirados no grupo parlamentario ou nos aparatos provinciais do formación, agardando a entrar no Goberno na reestruturación prevista para segunda metade da lexislatura.

Os cesamentos das últimas semanas no Executivo galego veñen confirmar o proceso de renovación no Partido Popular. Malia que as saídas do Gabinete de pesos pesados dos departamentos de Política Social, Educación e Sanidade e, sobre todo, dos delegados  territoriais xa apuntaban nesa dirección, a caída do director xeral de Minas e Enerxía, Ángel Bernardo Tahoces, e do director xeral de Defensa do Monte, Tomas Fernández Couto fechan calquera tipo de dúbida ao respecto.

“Hai ceses e ceses”, sinala a Nós Diario un dirixente do PP que pide gardar o seu anonimato, mentres salienta que Tahoces e Fernández Couto “non son calquera dentro do Goberno”.

Tahoces é todo un veterano na Administración galega, cun peso relativo na organización do partido. Natural do Bierzo e nado nunha familia moi próxima a Manuel Fraga, ocupou desde a segunda metade da década dos 90 responsabilidades en diversas consellarías, asumindo a presidencia do PP en Compostela e significándose como un dos deputados máis activos na oposición ao Goberno bipartito. O retorno dos populares á Xunta da Galiza en 2009 implica a volta de Tahoces a cargos gobernamentais, cunha polémica xestión no ámbito da enerxía e da minaría que o leva a enfrontarse con colectivos sociais e veciñais e mesmo a ser imputado polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

Fernández-Couto presenta un perfil semellante. Apadriñado por Romay-Beccaría, ocúpase da prevención dos incendios desde 1996, coa excepción dos tres últimos anos do bipartito, resistindo presións de diversas frontes e mesmo a imputación por prevaricación.

Os 20 anos de Fernández-Couto na Consellaría de Medio Rural están cheos de sombras, cuestionándose desde o Consello de Contas os gastos desorbitados e fóra de control do seu departamento e criticándose desde unha parte da patronal madeireira a súa falla de transparencia. Segundo indican a Nós Diario persoas próximas a Fernández-Couto, “Tomás séntese abandonado por Feixoo” e culpa o círculo do presidente da súa saída da Xunta.

As fontes do PP consultadas por Nós Diario descartan que as destitucións de Tahoces e de Fernández-Couto teñan relación con irregularidades nas súas xestións ou cun temor á acción da xustiza. A este respecto, afirman que os cambios á fronte das responsabilidades de prevención de incendios e de minaría e enerxía non van significar ningunha mudanza nas políticas que se desenvolveron até o de agora e salientan a continuidade nas liñas de actuación das direccións xerais.

Comentarios