Entregan 12.000 sinaturas no Parlamento para exixir a protección do monte veciñal fronte á privatización

A Orgaccmm exixe que declarar os montes veciñais como unha figura de protección ambiental e cultural e que se teña en conta que as comunidades de montes son en si mesmas dinamizadoras do rural.
Membros da Orgaccmm fan entrega das sinaturas no rexistro do Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Membros da Orgaccmm fan entrega das sinaturas no rexistro do Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)

Representantes da Organización galega de Comunidades de Montes (Orgaccmm) entregaron esta cuarta feira no rexistro do Parlamento da Galiza máis de 12.000 firmas que avalan unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para protexer os montes veciñais como figura diferenciada tanto da propiedade privada como da pública, evitando así que poidan "privatizarse" para o seu uso comercial.

Esta iniciativa, tal e como explicou o seu presidente, Xosé Alfredo Pereira, ten como obxectivo preservar o carácter específico comunal dos montes veciñais, e que se recoñeza como tal este tipo de propiedade.

Por outra parte, os promotores desta ILP exixen declarar os montes veciñais como unha figura de protección ambiental e cultural e que se teña en conta que as comunidades de montes son en si mesmas dinamizadoras do rural.

Para a entidade, é esencial que se manteña o carácter comunal da propiedade destes espazos, incluso traspasándoa a unha comunidade de montes contigua en caso de non existir poboación suficiente, pero evitando que poida pasar a mans privadas que dediquen estes espazos a explotacións comerciais, como a madeira ou a minaría, dixo Pereira

"Dirección contraria" a Medio Rural.

Neste sentido, apuntou o presidente da Orgaccmm, a iniciativa vai en "dirección contraria" ao borrador co que, critica, a Consellería do Medio Rural pretende modificar a lexislación dos montes comunais.

"Levamos anos denunciando que a Consellaría de Medio Rural pretende, mediante os cambios lexislativos promovidos polo Partido Popular (PP), que empresas de diversa índole, forestais, madeireiras, eólicas ou mineiras, poidan facerse coa xestión de montes veciñais e comunais", manifestou Pereira.

Para o presidente da organización de montes veciñais, a posibilidade de xestión privada ou comercial destes montes en man común, ou que se dea acceso á súa xestión a persoas alleas á veciñanza dunha determinada zona implica "roubar" este terreo, concluíu.

Comentarios