O BNG propón declarar Día da Dignidade da Galiza o 1 de decembro, data da histórica manifestación do Obradoiro tras o 'Prestige'

O BNG volveu á praza do Obradoiro coincidindo coa data simbólica do vinte aniversario da histórica manifestación que encheu Compostela en contra da catástrofe do Prestige. Fíxoo para propor facer do 1 de decembro: Día da Dignidade da Galiza. Unha maneira de que pase á historia a xornada que encheu de paraugas negros a capital da Galiza.

Rubén Cela, Goretti Sanmartín, Ana Pontón e Rafa Vilar, no Obradoiro.
photo_camera Rubén Cela, Goretti Sanmartín, Ana Pontón e Rafa Vilar, no Obradoiro.

"Marcounos a nivel individual pero tamén colectivo, porque marcou a historia deste país". Así argumentaba na mañá da quinta feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a proposta de facer do 1 de decembro Día da Dignidade da Galiza. Unha xornada para "para recordar a todos os homes e a todas as mulleres que se levantaron para defender este país e plantarlle cara ás mentiras e á incompetencia dun Goberno estatal e dunha Xunta incapaces de dar respostas" á catástrofe do Prestige.

Con motivo desta data, o BNG presentou o libro Nunca Máis, vinte anos da maior resposta social do pobo galego, obra colectiva editada pola Fundación Galiza Sempre, presidida por Rubén Cela, que salientou o carácter "coral" desta obra, na que escriben persoas do sector da economía, das confrarías, da xustiza, do voluntariado ou da cultura, como Rafa Vilar, que estivo presente, no Obradoiro, na presentación do libro aos medios de comunicación, ao igual que a portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín.

Os logros dunha mobilización histórica

Na súa intervención, Pontón valorizou os logros desa mobilización social, como "aumentar a seguridade no litoral, destacando que tamén serviu para propiciar un cambio político".

A portavoz nacional do BNG quixo ollar para o futuro cando advertiu da necesidade de que "o espírito de Nunca Máis siga vixente, porque quedan moitas conquistas que lograr, como a transferencia en materia de seguridade e loita contra a contaminación mariña". Así, puxo de manifesto que as decisións sobre a costa galega "non poden tomarse a 600 quilómetros nun despacho de Madrid".

Ademais, advertiu de que o salvamento marítimo "non pode ser obxecto de negocio", polo que reclamou "un servizo 100% público".

Alén de se referir a que fica pendente o tratamento de 10.000 toneladas de residuos da catrástrofe, Pontón emprazou o PP a "recoñecer os seus erros e pedir desculpas ante á cidadanía e asumir que a súa prepotencia e incompetencia converteron un accidente na maior catástrofe ambiental vivida en Galiza". "Están a tempo de rectificar e facer ese recoñecemento ao pobo galego", concluíu.

Comentarios