O PP só acepta 4 propostas das 150 presentadas pola oposición

O grupo maioritario da Cámara rexeitou a práctica totalidade das iniciativas presentadas polas demais forzas políticas ás que acusa de seguir "unha estratexia premeditada" para "non dar osíxeno a Feijóo". A oposición censura o partido no goberno por oferecer "un pacto de silencio" que oculta "a realidade social" de Galiza. 

A última xornada do debate sobre o estado da nación non deitou sorpresas. O Partido Popular converteu a súa maioría parlamentar nun dique de contención face as iniciativas das forzas da oposición. Das 150 propostas de resolución presentadas por BNG, AGE e PSdeG só 4 foron apoiadas polo partido maioritario, dúas delas transaccionadas e ningunha co PSdeG.

Neste senso, o vice-voceiro do Partido Popular, Román Rodríguez, dixo que os grupos da oposición manteñen unha "estratexia premeditada" que pretende, ao seu xuízo, frear calquera tipo de acordo ao encher de "cláusulas nacidas para matar" as súas propostas. Para Rodríguez, a fixación de tempos e prazos nos textos das iniciativas tornaron inviábel que o PP as apoiase.

O deputado do PP rexeitou apoiar as iniciativas da oposición porque marcan prazos para o seu desenvolvemento

Rodríguez erixiu a súa formación como o "gran partido de Galiza" e defendeu a xestión que o goberno de Núñez Feijóo está a desenvolver. Unha xestión duramente criticada desde as bancadas da oposición nesta última xornada de debate parlamentar sobre o estado da nación; mais que para o PP está lexitimada polos "votos da cidadanía", eses que, en verbas de Román Rodríguez, están perto de ser o único exemplo de democracia. 

"Sen o PP, Galiza quedaría orfa", chegou a afirmar desde a tribuna o vice-voceiro popular. Afirmacións que lle valeron a reprimenda da deputada do BNG, Ana Pontón.

A vice-voceira de AGE debullou nun "glosario" os adxectivos que, di, "definen o goberno dos ananos de Feijóo"

"Son menos galegos os que non votaron ao PP?", inquiriu, ao tempo que exixiu d@s populares o respecto para os milleiros de persoas que acotío saen ás rúas para "facer política" en manifestacións. "Os cidadáns tamén fan política", salientou a parlamentar do Bloque, "nós non temos a exclusividade nese terreo" pois, acrecentou, "a democracia non é ir votar cada 4 anos" nen "ter maioría absoluta" supón unha "carta branca" para o partido no goberno, sentenciou.

O goberno de Núñez Feijóo --definido pola vice-voceira de AGE Yolanda Díaz como o "goberno dos ananaos"-- levará á práctica unha das súas reformas máis anunciadas recortando o número de cadeiras no Parlamento, en aras, defendeu Román Rodríguez, de se solidarizaren coas dificultades económicas de boa parte da cidadanía. Mais en cuxo fondo as forzas da oposición só ven unha estratexia para blindar a maioría do Partido Popular en horas baixas. 

"Son menos galegos os que non votaron o PP?", inquiriu Ana Pontón

"Nunca o mal resultou tan despiadado como cando se presenta como benevolente", denunciou o deputado do PSdeG, Abel Losada facendo súas as verbas dun autor arxentino. 

A "tomadura de pelo" da reprobación franquista
Sen máis apoio que o das filas do Partido Popular, o grupo maioritario sacou adiante unha proposta de resolución encamiñada a "reprobar" aqueles cargos públicos que "xustifiquen" ou "lexitimen" nas súas declaracións os crimes do franquismo. Unha medida que causou o estupor nas bancadas da oposición após rexeitar o PP en múltiples ocasións reprobar publicamente ou mesmo condenar as afirmacións dalgúns dos seus responsábeis públicos como os alcaldes de Beade e Baralla. 

O PP ficou só na súa proposta de "reprobación" do franquismo após rexeitar tomar medidas contra os cargos públicos do PP que o xustifican

"É unha tomadura de pelo", criticou con dureza o deputado socialista Abel Losada, ao tempo que dixo non querer "reprobar" senón "condenar" unha ditadura que para o PP continúa a ser "o período franquista". 

No entanto @s populares atoparon o apoio do PSdeG na súa condena ao "terrorismo". Pola contra, nen BNG nen AGE quixeron tomar parte dunha "estratexia" que, din, procura desviar a atención "dos problemas reais de Galiza" e do "fracaso" do goberno de Feijóo, denunciou Yolanda Díaz.

Comentarios