O PP rexeita a proposta para corrixir a "mala xestión" en axudas a vulnerábeis

Persoas en exclusión ficaron "indefensas" ante as eléctricas.
Contadores de electricidade. (Foto: Europa Press)
photo_camera Contadores de electricidade. (Foto: Europa Press)

Unha "mala xestión"das axudas AUXS para evitar cortes da luz a persoas en situación de vulnerabilidade provoca que beneficiarias das mesmas, persoas en risco de exclusión social, padezan unha situación de "indefensión" ante as empresas enerxéticas.

Esta denuncia recollida por Nós Diario no seu número da quinta feira chegou onte ao Parlamento galego a través dunha proposición non de lei defendida polo deputado nacionalista Ramón Fernández. Unha iniciativa pola que se instaba a Xunta a fiscalizar a execución das Axudas AUXS e actuar contra as empresas comercializadoras "polos seus incumprimentos e abusos".

A proposición non saíu adiante ao ter a oposición do grupo maioritario na Cámara o PP e malia contar a iniciativa do BNG co apoio do PSdeG.

"Incumprimento"

Fernández denunciou a situación de persoas beneficiadas da axuda e que, pola demora no envío das facturas ás persoas aboadas e ao Goberno Galego, están a sufrir un "incumprimento empresarial que causa un prexuízo ás persoas vulnerábeis severas en risco de exclusión social". 

A deputada do PSdeG Begoña Rodríguez recriminou o Goberno galego que "non se anticipase" a esta problemática e que non "obrigue" as eléctricas a "cumprir".

Pola súa parte, a portavoz do PP neste debate, Sandra Vázquez,  dixo que esta situación era responsabilidade do Goberno español e defendeu que o Instituto Galego do Consumo actuou ao respecto. 

A deputada do Partido Popular afirmou que o Goberno galego "defende as persoas vulnerábeis" e dixo que a pobreza enerxética na Galiza está por baixo da media estatal: 13,8% dos fogares fronte a 16%. 

Comentarios