PP e PSOE unen os seus votos para tombar as ordenanzas fiscais da Marea Atlántica

O Executivo de Ferreiro só dispón de 10 dos 27 escanos do Pazo de María Pita, unha situación de debilidade que se viu referendada esta cuarta feira no debate das ordenanzas fiscais. O PSOE pide entrar no goberno, mais mentres tanto presiona cunha alianza táctica co PP.

pleno
photo_camera Pleno do Concello da Coruña

Esta cuarta feira o que se substanciaba no pleno do concello era o debate sobre as ordenanzas fiscais. No trámite o PP aproveitou a tensión política de fondo entre a Marea Atlántica e o PSOE e apoiou unha proposta socialista contra a suba da taxa de depuración das augas residuais. Ao ver tombada esta iniciativa, o goberno local decidiu retirar da orde do día a votación sobre os novos impostos e taxas para 2017. Todo indica que as ordenanzas que rexeron este 2016, ao non contar con apoios no pleno, serán prorrogadas para o próximo exercicio.

O BNG -en coherencia co votado por concelleiros nacionalistas na comarca, explicou a súa portavoz, Avia Veira- apoiaba a proposta de Ferreiro sobre a taxa de depuración por considerar que a tornaba "máis xusta".

O PP aproveitou a tensión política de fondo entre Marea Atlántica e PSOE e apoiou unha proposta socialista contra a suba da taxa de depuración das augas residuais

Ferreiro criticou a pinza que ao seu xuízo escenifican PP e PSOE e explicou que no proceso de negociación das ordenanzas fiscais o grupo municipal socialista exteriorizou que o único que lle importa é entrar no goberno. “Para compartir un goberno debe haber unha relación de confianza”, di o líder da Marea Atlántica, quen confesou que continúa nel aberta a “ferida” aberta após o non acordo sobre os orzamentos do concello.

Está María Pita abocada a unha moción de confianza?

Precisamente a batalla política de altura que se abre agora no horizonte é a da aprobación dos orzamentos para 2017. Non é desbotábel que Ferreiro os apresente baixo a forma dunha moción de confianza, unha manobra politicamente arriscada porque podería abrir o cenario dunha hipotética censura ao seu goberno por parte da oposición (os orzamentos aprobaríanse automaticamente se PP e PSOE non formulan unha candidatura alternativa á do alcalde).

Non parece verosímil que a Marea poda tirar adiante os orzamentos se non chegar a un acordo cun PSdeG-PSOE que vincula todo movimento á súa entrada no executivo local.

Comentarios