ELECCIóNS GALEGAS

O PP podería reter a Xunta por si só ou co apoio de Cs

Unha enquisa publicada polo ABC sitúa o PP no limar da maioría absoluta e indica que o partido encabezado por Alberto Núñez Feijóo podería reter a Xunta ben por si propio, ben co apoio de Ciudadanos.

Mesa de votación_Vigo
photo_camera Mesa de votación_Vigo

A enquisa de GAD3 publicada polo ABC este domingo –foi realizada entre o 4 e oi 6 de abril, após coñecerse que Feijóo recuncará como candidato á Xunta- dálle ao PP o 44,1% dos votos nas eleccións galegas, con entre 36 e 38 escanos (a maioría absoluta sitúase nos 38 escanos). Nas anteriores eleccións ao Parlamento obtivera o 45,8% dos apoios e 41 escanos.

Podería ser chave Ciudadanos, que irrompería no Parlamento galego con dous ou tres escanos, que serían decisivos para unha reedición do Goberno de Feijóo se o PP fica ao bordo da maioría absoluta.

PSOE e a Marea, practicamente igualados

Na segunda posición situaríase o PSOE, cun 19,7% dos apoios e entre 15 e 17 escanos. Os socialdemócratas perderían case un punto a respeito do resultado das eleccións de 2012, cando acadaron o 20,6% dos apoios e 18 parlamentares. A Marea (Podemos, IU e Anova), pola súa banda, ficaría na terceira posición co 17,9% dos apoios e conseguiría entre 14 e 16 escanos (AGE, a coligazón de Anova e IU, fixérase con 9 parlamentares en 2012).

O BNG colocaríase na cuarta posición, cun 6,7% das papeletas e retrocedería 3,4 puntos a respeito dos anteriores comicios galegos, cando obtivo 7 parlamentares. A formación nacionalista faríase con 4 ou 5 deputados segundo esta enquisa, da que non se coñece a mostra.

A día de hoxe o reparto de escanos no Parlamento galego é o seguinte:  o PP, 41; o PSOE, 18; o BNG, 7; AGE, 6 e o Grupo Mixto –con parlamentares escindidas de AGE-, 3.

Máis en POLÍTICA
Comentarios