23-X

O PP logra a absoluta no Senado e gaña un representante na Galiza á custa do PSOE

A Cámara Alta queda en mans dos populares nesta lexislatura, con 143 de 263 actas entre as elixidas este domingo e as de designación autonómica.
PP, Vox e Ciudadanos opuxéronse á lei. (Foto: Senado)
photo_camera O PP recupera a maioría absoluta no Senado. (Foto: Europa Press)

O PP foi o claro vencedor no Senado nas eleccións estatais deste domingo, conseguindo unha maioría absoluta de 120 senadoras e senadores electos, que sumados aos 23 que ten xa por designación dos parlamentos autonómicos danlle unha folgada vantaxe de 143 escanos en total, mentres que o PSOE queda na Cámara Alta con 92 parlamentarios —73 electos e 19 por designación autonómica—.

Os de Alberto Núñez Feixoo rexistraron unha forte suba a respecto a 2019, pasando de 83 a 120 senadores electos. Pola contra, o PSOE acusou unha importante baixada con respecto ás eleccións de 2019, xa que pasou de 93 senadores aos 73 que obtivo nestes comicios. A terceira forza nesta Cámara segue a ser a coalición de ERC e Bildu (Esquerdas pola Independencia), con sete senadores, aos que habería que engadir os catro parlamentarios que teñen xa por designación autonómica (3 ERC e 1 Bildu). Quen non conseguiron ningún dos senadores electos nestes comicios ao Senado foron Sumar e Vox, que, con todo, si que teñen parlamentarios por designación autonómica (dous no caso do partido de extrema dereita e un na plataforma de Yolanda Díaz, por medio de Compromís).

En calquera caso, a maioría do PP permitiralle, entre outras cousas, presidir a institución e conseguir tamén un gran poder na repartición da Mesa da Cámara. Iso si, a importancia política do resultado no Senado foi sempre relativa. Non intervén na elección do presidente do Goberno español e non é decisivo na elaboración das leis: as súas emendas e reformas poden ser tombadas polo Congreso, que ten a última palabra.

Só é decisivo para aprobar o chamado teito de gasto, que pode vetar e obrigar ao Executivo para presentar de novo, e especialmente para aprobar a aplicación do artigo 155 da Constitución, como ocorreu con Catalunya en 2017. O Goberno debe presentar un proxecto ao Senado para que o debata e aprobe por maioría absoluta, ou non poderá tomar medidas ao amparo dese artigo constitucional.

Na Galiza, o PP gaña un senador á custa do PSOE, até os doce, polo que os socialistas reducen a súa representación en territorio galego a catro. En cada unha das catro circunscricións galegas, o Senado obtivo tres representantes do PP e un do PSOE. Galiza incorporará esta lexislatura, así, 11 novas caras ao Senado, onde só cinco dos representantes galegos repetirán como senadores.

En concreto, revalidarán a súa presenza na Cámara Alta os populares Verónica Casal, pola Coruña; José Manuel Barreiro, por Lugo, e Carmen Leite, por Ourense, así como Juan Serrano, aínda que neste caso volverá ao Senado tras ceder a Alberto Núñez Feixoo o seu escano por designación autonómica en maio de 2022. No caso dos socialistas, o único que repite é César Mogo, por Lugo.

O Parlamento galego debe designar aínda os tres senadores que lle corresponden en substitución de Xoaquín Fernández Leiceaga, do PSOE, e Miguel Tellado e mais o propio Feixoo, do PP. Desta volta, con base nos resultados das últimas eleccións galegas, o PP poderá elixir outros dous e o terceiro recaerá nas filas do BNG. Decidirase nas vindeiras semanas.

Comentarios