82 votos a favor, 170 en contra, 97 abstencións

PP e Cs tomban a moción de censura a Rajoy impulsada por Podemos

82 votos a favor, 170 en contra, 97 abstencións. Cero sorpresas. A terceira moción de censura do presente réxime político español concluíu como as dúas anteriores -as propostas por Felipe González (PSOE) e Antonio Hernández Mancha (PP)-, con derrota, embora con menos votos a prol. Unidos Podemos e as confluencias só conseguiron o apoio de ERC (8 votos), Compromís (4) e Bildu (2).

35171051441_a81a55f034_k
photo_camera O grupo de Unidos Podemos e as confluencias aplauden Iglesias

A moción precisaba superar a maioría absoluta para prosperar, así que Iglesias ficou a 94 votos de tombar o goberno de Mariano Rajoy. Outra cousa é o obxectivo político que perseguía a iniciativa. Na dirección de Podemos a análise é que a moción se salda cun suceso absoluto ao ter obrigado Mariano Rajoy a baixar á area cando os seus corifeos hai semanas garantían que nen sequer iría tomar a palabra e ao ter reforzado a imaxe de presidenciábel do propio Iglesias.

Outras análises menos amábeis co mundo podemita interpretan que a moción non se pode considerar un éxito porque Rajoy non só non sae tocado, senón que mesmo reforza a súa posición como o líder do bloco conservador, incluíndo nese espazo o Cs dun Albert Rivera que noi foi quen de achar o seu espazo no debate.

A moción alimentou tamén a hipótese dunha eventual entente no campo da esquerda co PSOE. Mais o camiño non será doado. É certo que se tenderon pontes, mais non o é menos que Iglesias e Sánchez pelexan polo mesmo eleitorado e que na cuestión chave da política estatal -o manexo do referendo catalán- manteñen posicións formalmente diverxentes.

En Ferraz a avaliación que se fai do debate é que Rajoy e Iglesias se anulan mutuamente e que o público acabou botando de menos o grande ausente, Pedro Sánchez. Os asesores do secretario xeral aconselláronlle precisamente non comparecer durante estes días para subliñar a súa ausencia, unha forma como outra de estar presente.

Comentarios