Pontón urxe a intervir Alcoa para salvar A Mariña

Ana Pontón, en Burela, no encontro con sectores sociais e económicos sobre a crise industrial (Foto: Nós Diario)
Pontón responsabiliza PP e PSOE da crise industrial da Mariña e urxe os Gobernos galego e español a intervir Alcoa e dar pasos para evitar que factorías como Vestas, ademais de Alcoa, fechen.

En vésperas da folga xeral convocada na Mariña para 17 de novembro co obxectivo de reclamar futuro na comarca ante a crise industrial e o fechamento continuado de empresas, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo esta segunda feira un encontro en Burela con responsábeis económicos e sociais. A Mariña "perdeu nos últimos anos máis de mil empregos no sector industrial e leva meses en vilo pola situación de Alcoa”, dixo a nacionalista.

Ademais de responsabilizar PP e PSOE da crise industrial da comarca, demandoulles actuacións para evitar que empresas como a factoría de Alcoa en Cervo ou a de Vestas en Viveiro tamén fechen.

Así, insistiu na intervención pública de Alcoa e demandou á Xunta e ao Goberno do Estado que "dean un paso adiante" nesa liña e instou PSOE e PP a apoiar a emenda presentada polo BNG aos orzamentos do Estado de 2022 en que precisamente se pide a intervención da factoría.

De facto, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, incidiu en que non garante polo momento o seu apoio aos orzamentos do Estado por non conter "concrecións" con respecto ás súas emendas e porque non aprecia "grande interese negociador" por parte do Goberno de PSOE e Unidas Podemos, polo que instou a conversar. "Gustaríanos votar a favor dos orzamentos porque significaría que son bos para a Galiza. Pero se isto non é así, evidentemente non vai ser esa a posición do BNG", dixo.

Empresas estratéxicas

“Alcoa é a única fábrica de produción de aluminio primario de todo o Estado, se fecha, o que agora producimos na Mariña producirase fóra e teremos que importalo", explicou Pontón.  

"Temos que producir e defender a nosa industria porque non se pode seguir con esta dependencia do mercado asiático", engadiu.

Pontón sinalou tamén o paradoxo de que Vestas, factoría que produce elementos para parques eólicos, vaia fechar en pleno boom eólico. Propuxo que se vincule a instalación de novos parques a proxectos industriais no territorio para traducir a explotación do vento en creación de emprego.

Entre as demandas do BNG  para a comarca está a creación dun plan de reactivación económica coa implicación de todas as administracións; avanzar nas infraestruturas pendentes a nivel viario, ferroviario e portuario e o impulso de sectores produtivos como o agrogandeiro.