Feixoo e Maroto constatan o inmobilismo de Xunta e Estado ante a crise industrial

Industria insiste en que a SEPI non intervirá Alcoa, unha opción que a Xunta agora si estaría disposta a apoiar.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e a ministra de Industria, Reyes Maroto, após a reunión desta segunda feira (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e a ministra de Industria, Reyes Maroto, após a reunión. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

Visita de cortesía do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo á ministra de Industria, Reyes Maroto. Ambos os dirixentes reuníronse esta segunda feira en Madrid para, entre outras cuestións, abordar a situación de empresas como Barreras, Vestas, Ence ou Alcoa.

O encontro serviu para evidenciar unha vez máis que as postura do Ministerio e da Xunta respecto á planta de aluminio de Cervo seguen sen variar.

Desde Industria descartan a intervención da factoría por parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), como piden desde o comité de empresa, e botan as culpas do bloqueo á actitude da multinacional Alcoa respecto da venda. 

A Xunta, que tamén comparte esta visión, aposta agora na vía da intervención, mais limita o seu papel a apoiar o Ministerio, non a formar parte da operación.

En declaracións aos medios ao termo da reunión, que durou perto de dúas horas, o presidente do Goberno galego indicou que marcha "cunha liña de contacto máis fluída coa propia ministra e o seu equipo, e oxalá podamos dar pronto algunha boa noticia". "Os traballadores de Alcoa necesitan unha certeza, que pasa pola SEPI, e que o Goberno galego vai apoiar", engadiu Feixoo.

Pola súa banda, a ministra de Industria sinalou a perda de confianza na propia empresa como un dos grandes escollos na negociación. "Creo que a sociedade e o conxunto das Administracións estamos na solución. O principal escollo é a empresa, que non está a facer nada. Sempre estivo no negativo", subliñou.

Continuidade de Ence

No transcurso da mesma, Alberto Núñez Feixoo e Reyes Maroto tamén tiveron ocasión de falar doutras cuestións, como os fondos para a celebración do Xacobeo ou a continuidade de Ence na ría de Pontevedra. 

Sobre este particular, o presidente da Xunta informou a ministra sobre o seu plan para esquivar a sentenza da Audiencia Nacional que declara ilegal a prórroga concedida polo Goberno de Mariano Raxoi e que pasa por adscribir os terreos ao Porto de Marín, presidido polo marido de Ana Pastor e amigo íntimo de Mariano Raxoi. 

A ministra, que lembrou que en todo caso é unha decisión que tamén compete ao Ministerio de Transportes, comprometeuse a analizar esta fórmula, da que tivo coñecemento nesta reunión.

Sen debate a fondo

Foi, pois, unha reunión que non deu para abordar en profundidade ningunha das frontes que en materia industrial ten abertas Galiza, como a situación dos seus estaleiros, a produción de aluminio en Alcoa e Alu Ibérica, ou o futuro de Vestas

O propio Feixoo recoñecía ao seu termo que se limitou a describir os problemas da Galiza nos temas que competen ao Ministerio de Industria, pero que a axenda propia da ministra impediu profundar máis aló.

A crise industrial segue, pois, sen visos de solución. De feito, a difícil situación pola que atravesan non só as empresas afectadas senón as comarcas nas que se asentan, motivou a convocatoria para mañá, 17 de novembro, dunha folga xeral na Mariña para, entre outras cousas, exixir á Xunta e Industria menos fotos e máis medidas concretas para poñerlle fin.

Comentarios