Pontón reclama unha facenda e banca propias para liberar Galiza do sucursalismo

A candidata do BNG considera estas dúas medidas, xunto coa creación dunha tarifa eléctrica galega, como eixos fundamentais para ter “un autogoberno real que mellore as condicións de vida”.

Ana Pontón no Fórum Europa (Foto: BNG)
photo_camera Ana Pontón no Fórum Europa (Foto: BNG)

As propostas económicas foron as protagonistas desta nova xornada de campaña. O BNG apostou por abrir tres frontes que “liberen Galiza do corpiño do centralismo” e permitan desenvolver o seu potencial como país: una política fiscal propia, a posta en marcha dun sistema financeiro galego e a creación dunha tarifa eléctrica única para os galegos e galegas, foron os eixos apuntados pola candidata nacionalista á Xunta, Ana Pontón, que presentou as liñas xerais do seu programa económico durante un almorzo informativo organizado polo Fórum Europa en Compostela.

“Precisamos un goberno a favor das maiorías sociais e que teña a rebeldía e o coraxe de exercer un autogoberno en Galiza”, reclamou Pontón, que considerou insuficiente un cambio de caras no Executivo galego para facer fronte a “crise democrática” e o “esgotamento do modelo e aparato institucional”. A aspirante do BNG chamou nese sentido a rachar coa “recentralización” brutal que supuxeron os últimos anos que minguou a capacidade de decisión de Galiza.

Pontón chamou a rachar coa “recentralización” brutal dos últimos anos

“Sabemos que ter un autogoberno real é a garantía para que mellorar as condicións de vida dos galegos e galegas”, salientou a candidata nacionalista, que matizou que debe estar “libre de tutelas e sucursalismo”.

Pontón reclamou que a facenda pública galega xestione a totalidade dos impostos do país, como garantía de financiamento dos servizos públicos e para acabar co “sistema actual de financiamento fortemente centralizado”. Sobre a banca propia, recordou o “desmantelamento pilotado desde Bruxelas e Madrid” das extintas caixas galegas. 

Tende a man a pactos

Foi preguntada a candidata do BNG polos posibles pactos postelectorais. Pontón dixo que foi “moi clara” no debate a cinco e insistiu en que será “a primeira en chamar Villares (candidato de En Marea)e Leiceaga (PSdeG)” despois do 25S para articular un goberno alternativo. “Imos dar unha gran sorpresa nas eleccións”, asegurou, porque o “máis revolucionario que se pode ser en Galiza é ser nacionalista e confiar no que temos”.

Máis en POLÍTICA
Comentarios