Pontón propón un ‘plan de choque’ para baixar as listas de espera e sacar Atención Primaria do ‘colapso’

A sanidade marcou hoxe a axenda da candidata nacionalista, Ana Pontón. Nun acto en Compostela defendeu a posta en marcha dun plan de choque desde o Goberno galego para mudar a situación actual.

Pontón sanidade 4
photo_camera Noa Presas, Ana Pontón, Montse Prado e Iria Carreira no acto de BNG de sanidade. (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional e candidata do BNG nas próximas eleccións, Ana Pontón, amosou este sábado o seu compromiso de ser “a presidenta que defenda a saúde dos galegos e das galegas por riba de todo e poña fin a catorce anos de recortes e privatizacións na sanidade pública”. 

“Urxe darlle a volta a unha situación de acoso e derribo á sanidade pública tras 14 anos de goberno do PP, que deixa unha sanidade peor da que encontrou”, asegurou Pontón, no marco dun encontro con colectivos en defensa da sanidade pública.

A dirixente nacionalista comprometeuse a pór en marcha “nos primeiros 100 días de Goberno dun plan de choque dotado con 200 millóns de euros para sacar a atención primaria do colapso.

Pontón marcouse, tamén, como prioridade rebaixar as listas de espera, en particular nas cirurxías e nas probas diagnósticas.. Neste sentido, criticou “o disparate de que haxa quirófanos e camas fechadas mentres hai persoas esperando para ser operadas”.

As listas de espera

A candidata do BNG demorouse en explicar a realidade das listas de espera no sistema sanitario galego. A este respecto, lembrou que “nada menos que  14 % dos galegos e galegas está en lista de espera”, en referencia a 210.000 persoas que agardan por unha primeira consulta hospitalaria, 47.000 que esperan por unha intervención cirúrxica e 119.000 por unha proba diagnóstica.

A voceira nacionalista garantiu “dotar á sanidade pública de máis persoal e a pór fin á precariedade e á sobrecarga laboral que sofren agora os profesionais dun cadro de persoal”, onde 52 % das traballadoras e traballadores de enfermería son temporais.

“Fronte aos recortes e as privatizacións, o BNG propón reforzar a sanidade pública para darlle a volta á desfeita que deixa o PP”, resumiu Pontón, quen criticou que Galiza ocupa “o penúltimo posto en investimento na Atención Primaria”.

Pontón denunciou tempos de espera de até dúas semanas para obter cita en medicina de familia, urxencias cada vez máis saturadas, máis de nove mil persoas agardando por unha primeira consulta en psiquiatría, ou once mil nenos que non teñen asignado un pediatra”.

Comentarios