Pontón propón unha "discriminación positiva" para o rural galego

Axudas de 15.000 euros anuais para os negocios do rural se chega á Xunta.

ana pontón

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, anunciou esta sexta feira que un Executivo nacionalista impulsaría un 'ticket rural' de 15.000 euros como "discriminación" positiva para "rescatar o rural" galego. Así o anunciou na festa da 'Pisa da Castaña' en Froxán, en Folgoso do Courel, na comarca de Quiroga.

A medida consistiría en 15.000 euros anuais para aqueles que opten por desenvolver un negocio no medio rural e entregaríase durante polo menos cinco anos. Así mesmo, o BNG calcula "unha dotación inicial de 30 millóns de euros". Esta sería, segundo Pontón, unha medida "importante" para o desenvolvemento do medio rural galego, que xa se implantou noutras comunidades autónomas.

Pontón criticou os "14 anos de abandono por parte do PP". "As cifras están aí", recalcou e lembrou que hai 4.000 núcleos rurais con "altos niveis de despoboamento".

A portavoz nacionalista atribuíu os niveis de "despoboamento" á "marcha de xente nova" e a un "recorte continuado" de servizos públicos. Indicou que o Goberno do PP "non foi capaz de executar os orzamentos" que tiña entre 2009 e 2022.

"Estamos a falar de 1.400 millóns que nestes últimos 14 anos tíñanse que investir no rural e que o PP deixou sen executar con consecuencias que logo padecemos", recalcou Ana Pontón.

Pontón avanzou que o Goberno que aspira presidir tería entre as súas prioridades a posta en marcha dun plan estratéxico de desenvolvemento do rural con "medidas concretas" como "pór en valor" produtos como a castaña -para o que se comprometeu a mobilizar 100.000 hectáreas de terra agrícola abandonada- e unha liña "específica" de actuación en materia de innovación.

"Temos a convicción de que a Galiza necesita un goberno que poña en marcha un rural vivo, produtivo, habitado e onde vexamos que hai oportunidades", concluíu despois de felicitar á Asociación Fonte do Milagre por "facer posíbel" a festa da 'Pisa da Castaña' e "pór en valor" un produto "tan importante" como a castaña e as tradicións que acompañan á súa produción.

Comentarios