Pontón propón un debate na TVG antes do 26X con Feijóo, Cancela e Fernández

O BNG quer un debate que realmente se debruce sobre os problemas da Galiza, após constatar que no protagonizado polos líderes estatais non se abordaron os "asuntos chave" do país. Ana Pontón tomou esta cuarta feira a iniciativa e a tal efeito dirixiuse por escrito a PP, En Marea e PSdeG-PSOE.

BNG26X ANA PONTON TORRE MARITIMA CORUÑA1
photo_camera Ana Pontón, na Torre Marítima da Coruña

De acordo coa leitura que fai o BNG, Galiza non existiu no debate estatal porque nel non estivo a voz do nacionalismo galego, daí que a líder da formación frentista, Ana Pontón, propoña agora un debate na TVG, antes do 26X, para as cidadás e os cidadáns do país teren unha información contrastada sobre as distintas alternativas das forzas políticas galegas perante a convocatoria de eleccións ás Cortes Xerais do Estaodo.

Pontón insta a que debatan con ela Feijóo, como presidente do PP, Pilar Cancela, como titular da xestora do PSdeG-PSOE e Alexandra Fernández, a dirixente que exerceu a portavocía de En Marea na mini-lexislatura que, ao se rachar abruptamente sen investidura, deu lugar aos actuais comicios.

"Os galegos e as galegas teñen dereito a saber antes do 26X que propoñen esas forzas políticas para Galiza, as do bipartidismo guai e as do bipartidismo carca, e por iso facemos unha proposta moi clara: que TVG organice catro debates provinciais en horario de máxima audiencia -coas candidatas e cos candidatos- pero tamén un debate electoral no que @s líderes das forzas políticas galegas den a cara a debatamos directamente”, propuxo Pontón.

Pontón mostra a súa indignación "coo muller e como feminista" perante a escasa atención prestada no debate a 4 ao terrorismo machista

Os meios de titularidade pública galegos están precisamente para garantir os dereitos das galegas e os galegos a estaren verazmente informados e a coñeceren as propostas das diversas forzas políticas. Eses dereitos terían sido conculcados por "esta pseudodemocracia televisiva" española que se sustancia en "debates excluíntes" onde se deixa fóra "unha parte do eleitorado". "Esperamos que todos e todas, incluídos o señor Feijóo, non se escondan detrás dos seus candidatos en Madrid e estean dispostos a dar a cara”, alegou.

De por parte, Ana Pontón -que esta cuarta feira estivo na Coruña para demandar a transferencia das competencias sobre salvamento marítimo- amosou aínda a súa indignación, como muller e como feminista”, pola escasísima atención dispensada no debate estatal ao "terrorismo machista". Criticou a portavoz nacional que aquilo que “que debería ser un prioridade política de estado” foi despachada “en menos de 20 segundos por cada un dos candidatos de plasma que participaron no debate para falar dun dos grandes problemas, o terrorismo que, no conxunto do Estado, asasina a ducias de mulleres cada ano”, concluíu.

Comentarios