Pontón di que o BNG conta co "dream team" dos concellos para "mellorar a vida das persoas"

O BNG propón un Fondo de rescate hipotecario sufragado pola banca para axudar ás familias afectadas pola subida de xuros hipotecarios.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón propuxo onte crear un Fondo de rescate hipotecario sufragado pola banca para axudar as familias afectadas pola suba de xuros. Tras a reunión do Consello Nacional, a líder do BNG afirmou que estamos a falar de "subas medias de 250 euros por mes que poden terminar de afogar as rendas medias e baixas, mentres "a banca obtén beneficios obscenos". Pontón avanzou que o BNG defenderá no vindeiro pleno da Cámara galega, unha iniciativa para  crear ese fondo.

O BNG realizou o seu primeiro Consello Nacional nun ano de retos entre as que a portavoz nacional destacou afrontar a escalada de prezos defendendo unha "saída xusta e galega". Tamén facer fronte ao reto das eleccións municipais para "estender o modelo do BNG a máis concellos" e ofrecer un horizonte de esperanza aos galegos e galegas que teñen claro que "é necesario un cambio de rumbo á fronte do Goberno galego".

Na reunión a organización nacionalista aprobou a estrutura e o modelo de campaña, debateu as liñas centrais do modelo municipal e deu un paso adiante no traballo político das eleccións locais do 28 de maio. O  BNG, dixo Pontón, conta co "dream team" da política municipal cun proxecto "transformador e de vangarda" que mellora a vida das persoas, crea progreso e benestar e baseado no potencial que temos neste grande país.

Porque a política municipal do BNG, afirmou Pontón  "é a política municipal de prestixio e de referencia en Galiza" que transforma os concellos, pon as persoas no centro e por iso recibe premios a nivel internacional.

Cara a un cambio de Goberno

Na súa intervención, Ana Pontón asegurou que Galiza precisa dun Goberno na Xunta "que defenda o noso país porque hoxe temos todo o contrario: unha Xunta da Galiza ao servizo das eléctricas, da grande banca e de estratexias electorais dependentes de Madrid, desleais con Galiza e coa sociedade galega. Unha Xunta que está facendo que Galiza quede atrás, só un dato, pechamos o último trimestre de 2022 cu crecemento negativo, a terceira peor comunidade do estado español".

A líder da oposición afirmou que cada voto ao BNG vai facer que "estea máis cerca o cambio galego. Pódovos asegurar que isto tamén o sabe o PP, e por iso Feixoo fuxiu para Madrid, o PP esta moi nervioso e ataca o BNG porque cada vez máis galegos e galegas miran para nós con esperanza para deixar atrás a desfeita que nos deixa o PP". Unha desfeita, engadiu,  na evolución de Galiza e  no deterioro dos servizos públicos, sobre todo na sanidade publica.

O PP é un perigo para a saúde dos galegos e das galegas, advertiu Ana Pontón, por iso o 12 de febreiro "imos encher o Obradoiro, en Compostela, para defender a sanidade pública galega, para dar unha resposta contundente ante 13 anos de recortes e privatizacións e dicirlles alto e claro, que coa saúde non se xoga".

Pontón tamén abordou a situación eólica, que "ten que ser unha oportunidade para Galiza, non para as eléctricas que gañan diñeiro a mans cheas". Por iso, engadiu, "Galiza non vai ser unha colonia enerxética de ninguén. Imos facerlle fronte porque queremos defender o futuro do noso medio rural. Imos defender a nosa capacidade produtiva, o noso medio natural e tamén que Galiza conte canto antes  cunha "tarifa eléctrica galega, para abaratar a factura da luz ás familias e empresas galegas"