"Imos superar as enquisas e dar a sorpresa": Pontón augura un bo resultado para o BNG nas municipais

A líder nacionalista destacou que hai novo ciclo electoral definido polo feito de que a cidadanía situou o BNG como a alternativa ao PP.
As persoas candidatas nas sete cidades ás eleccións municipais de 2023 polo BNG (Foto: Nós Diario).
photo_camera As persoas candidatas nas sete cidades ás eleccións municipais de 2023 polo BNG (Foto: Nós Diario).

O BNG encara as eleccións municipais “con todo entusiasmo e sen poñerse límites”, en palabras da portavoz nacional da formación, Ana Pontón, convencida de que o Bloque vai ter uns resultados históricos e que será a forza política que máis suba na próxima cita coas urnas: “Imos superar de novo todas as enquisas, imos ser a sorpresa cuns grandes resultados nas próximas eleccións en todo o país e tamén nas cidades que son un obxectivo estratéxico para o BNG”.

Pontón fixo estas declaracións tras a xuntanza de traballo coas persoas que lideran as candidaturas nas sete cidades galegas: Francisco Jorquera (A Coruña), Rubén Arroxo (Lugo), Luís Seara (Ourense), Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra), Goretti Sanmartín (Santiago), Xabier Pérez (Vigo) e Iván Rivas (Ferrol), persoas ás que instou a "traballar con humildade pero con ambición de país, coa man tendida aos sectores máis dinámicos da sociedade para conseguir o obxectivo de ampliar os Gobernos municipais nas cidades e que marcar o inicio da gran transformación que Galiza precisa".

A líder nacionalista destacou que hai novo ciclo electoral definido polo feito de que a cidadanía situou o BNG como a alternativa ao PP: “Seguimos á alza e imos dar pasos adiante para ter unha gran representación nos Concellos con Gobernos municipais transformadores e con capacidade para mellorar a vida da xente”, alegou.

Neste sentido, as eleccións locais, “son reto importante para seguir avanzando e marcar un novo rumbo para Galiza, para seguir fortalecendo o BNG como alternativa real fronte a un PP instalado na rutina, sen impulso político, que practica a submisión aos intereses madrileños e quere unha sociedade galega resignada”, explicou tras o encontro de traballo cos cabezas de lista e cos seus respectivos coordinadores e coordinadoras de campaña.

Para Pontón, "os Gobernos municipais liderados polo Bloque demostran que hai outra Galiza posíbel e outra forma de facer política, o país precisa un novo rumbo e, nese camiño, as urbes son actores esenciais".

“Galiza necesita un cambio e as cidades deben xogar un papel chave á hora de impulsar novas políticas que transformen o país e para iso hai que ter unha visión de conxunto, afastada de localismos, unha visión de traballo en rede das sete cidades”, explicou, destacando que o Bloque confía no potencial da Galiza e das súas urbes “para desenvolver un novo modelo económico e social, que debe ser sustentábel, apostar pola ciencia e por modelos urbanos de calidade onde as persoas estean no centro”.

De feito, Pontón subliñou a importancia das cidades á hora de "dar resposta a problemas de calado como a emerxencia climática, a xestión de residuos e do ciclo da auga ou a xestión do espazo público e da mobilidade".

"Gobernos de vangarda"

Neste sentido, Pontón puxo en valor a actuación política do Goberno local de Pontevedra, "o único de todo o Estado que fixo realidade a zona de baixas emisións", demostrando que o BNG “ten un proxecto de vangarda e con capaces de anticiparse nas solucións, gobernos de calidade e transformadores que os converten en referentes dentro e fora de Galiza”.

De cara aos comicios do 28 maio, Pontón animou a optar por gobernos municipais “que afronten o futuro con ilusión, decisión, coherencia e experiencia baseada no coñecemento da realidade e na experiencia de goberno, en definitiva, concellos BNG”, concluíu.

Comentarios