Pontón chama as forzas “con centro de decisión en Galiza” a sumar nunha candidatura para as Xerais

A portavoz nacional do BNG tende a man a organizacións como “Anova, CxG, FOGA, PCPG” para unha lista que defenda o país “sen dependencias”.

ANA POTON VISITA A LALIN

A portavoz nacional, Ana Pontón, dixo que o BNG ten “as mans tendidas” a todas as forzas “con centro de decisión en Galiza” para sumar nunha “candidatura de país” para as eleccións xerais do 26 de xuño. “Facemos un chamamento a todas as forzas que teñen os seus centros de decisión en Galiza, como Anova, CxG, FOGA, PCPG, a unirnos, a ir da man, nunha candidatura de nación que defenda sen dependencias a Galiza e que, ademais, sexa artífice dun cambio real nas políticas do Estado”, explicou a nacionalista.

Considera Ana Pontón que é necesaria unha candidatura de país “sen subordinación a Albert Rivera, Pablo Iglesias ou Pedro Sánchez” ao tempo que “dá a cara pola maioría social como forza política que ten aquí a cabeza e o corazón”. ICriticou que Galiza estivese desaparecida durante a “minilexislatura”.

Lalín

Pontón fixo estas declaracións tras unha visita institucional a Lalín, dentro da ronda de contactos cos concellos liderados ou cogobernados polo BNG, onde mantivo un encontro co rexedor, Rafael Cuíña, e co concelleiro de Obras e Turismo, Francisco Vilariño. A portavoz valorou que Lalín teña un goberno ao servizo da veciñanza tras o cambio político “importante” nos comicios municipais.

Comentarios