Pontón acusa Rueda de "esconder" novos recortes

O BNG descubriu unha placa en Riazor
Francisco Jorquera e Ana Pontón na cidade da Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Francisco Jorquera e Ana Pontón na cidade da Coruña. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, acusou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "ocultar" os orzamentos da Xunta para 2023 e preguntou se o motivo é que esconden "novos recortes na sanidade pública ou máis rebaixas fiscais para as rendas máis altas".

Fíxoo nun acto do BNG na Coruña con motivo do descubrimento dunha placa no Frontón de Riazor, onde hai 40 anos se fundaba a formación nacionalista. Despois de que o presidente da Xunta anunciase que comparecerá no Parlamento para avanzar as "liñas mestras" dos orzamentos para 2023, a dirixente nacionalista cualificou de "trucado" este debate por se tratar duns orzamentos que "ninguén coñece".

"Que oculta o PP?"

"Quere ir ao Parlamento para facer un debate trucado, presentar uns orzamentos que ninguén coñece e sobre os que non temos ningún tipo de información". "Que oculta o PP, que oculta Rueda neses orzamentos?", preguntouse Pontón.

"Oculta novos recortes na sanidade publica deste país como pasou o ano pasado, máis rebaixas fiscais para as rendas máis altas", expuxo tamén nun discurso no cal reprochou ao Goberno galego a súa "falta de iniciativa e capacidade para atender os problemas deste país". Por todo iso, Pontón exixiu ao presidente da Xunta que envíe o proxecto de orzamentos antes da súa comparecencia. "Non se pode debater sobre un documento opaco", apostilou.

"O BNG está libre de ataduras"

No acto decorrido no Frontón de Riazor, Pontón volveu reivindicar o BNG como unha formación "á altura do que a sociedade galega require". "Unha organización política sólida e libre de ataduras dos grandes poderes económicos".

A líder nacionalista aproveitou tamén para situar o Bloque como unha alternativa real "fronte ao PP" que traballa, ademais, para que a Galiza teña "un Goberno coas mans libres". "Unha forza con experiencia, bagaxe e madurez", manifestou tamén.

Xunto a Pontón, interviu tamén o portavoz municipal do BNG e candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, que manifestou que "sen o nacionalismo galego, Galiza non tería historia propia".

Comentarios