Galiza Nova renova a súa dirección política na súa XVII Asemblea Nacional

Marta Gómez foi reelixida como Secretaria Xeral cun 90% dos votos e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, animou a mocidade a ser o motor do cambio para poñer en marcha unha Galiza que mellore a súa vida
Marta Gómez foi reelixida Secretaria Xeral de Galiza Nova cun 90% dos votos.
photo_camera Marta Gómez foi reelixida Secretaria Xeral de Galiza Nova cun 90% dos votos.

Este sábado 2 de decembro tivo lugar a XVII Asemblea Nacional de Galiza Nova no Centro Social de Santa Marta,en Santiago de Compostela, unha xuntanza na que a organización xuvenil do BNG congregou a militantes de todo o país e na que Marta Gómez foi reelixida como Secretaria Xeral cun 90% dos votos.

Nesta asemblea, a organización xuvenil definiu os seus posicionamentos políticos e liñas de traballo para os vindeiros dous anos, así como elixiu á nova Dirección Nacional que cualifican de "absolutamente renovada e con todas as enerxías para seguir facendo de Galiza Nova a organización de referencia da mocidade galega"; unha única candidatura que conxuga a experiencia con caras novas e na que contan con representación de todas as comarcas do país.

Durante a cerimonia de clausura, Galiza Nova manifestou a súa "absoluta solidariedade" coa loita do pobo Palestino, o rexeitamento contra os discursos fascistas e da ultradereita e o compromiso para seguir traballando na defensa dos intereses de Galiza e da mocidade galega. Esta cerimonia, conducida polo anterior Secretario Xeral e deputado Paulo Ríos e a militante Marina Coego, concluíu coas intervencións da Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, e da reelixida Secretaria Xeral, Marta Gómez.

Na súa intervención, Marta Gómez sinalou estar "tremendamente orgullosa e agradecida á organización por volver a confiar en min para seguir encabezando este proxecto, a mocidade galega somos o presente e o futuro deste país e xornadas como a de hoxe demostran o potencial que temos e que imos a por todas".

"Galiza Nova é a organización de todas aquelas mozas e mozos que non se conforman coas migallas deste sistema, somos alegría, combatividade e emoción e imos a por todas, porque temos todo por gañar" engadiu Gómez.

Durante o acto estiveron tamén presentes membros doutras organizacións do país, delegacións de organizacións internacionais e outros membros da executiva nacional do BNG, así como algúns dos anteriores secretarios xerais da organización xuvenil.

Galiza Nova abre agora o proceso de renovación das responsabilidades internas, que concluirá a comezos do ano que vén, mais afirman que comezarán a traballar dende xa nunha campaña para mostrarlle á mocidade galega a Galiza que vén e que "non vai deixar a ninguén indiferente".

 

Pontón anima á mocidade a ser o motor do cambio

Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou á mocidade galega a ser o verdadeiro "motor do cambio galego" para poñer en marcha da man da formación nacionalista unha Galiza que mellore a súa vida e a de todos os galegos e galegas.

Así o afirmou na XVII Asemblea Nacional de Galiza Nova, na que defendeu a necesidade dun cambio galego liderado polo Bloque ante a política suicida do Goberno do PP para a xente moza, á que o seu legado deixa ao pé dos cabalos cun panorama laboral precario, unha dependencia familiar prolongada no tempo e a emigración como saída.  

Neste sentido, a líder nacionalista recordou algúns dos datos que evidencian o "balance dramático" da xestión do Partido Popular co que, nos últimos 14 anos, 200.000 mozos e mozas se viron na obriga de emigrar para buscar fóra un futuro mellor. A isto sumou o alarmante descenso tanto da mocidade activa como da poboación nova ocupada, con caídas dende 2009 de máis do 42% (108.700 mozos e mozas menos) e do 38% (75.800 menos), respectivamente.

Ana Pontón na clausura da Asemblea Nacional de Galiza Nova.
Ana Pontón na clausura da Asemblea Nacional de Galiza Nova.

 

A portavoz nacional advertiu que a situación se agrava co balance dos salarios medios anuais, menores nos tramos de ata os 25 anos, o que demostra que, cos gobernos do PP, a mocidade vai para atrás, vive peor, cústalle máis emanciparse e conseguir unha vivenda e traballa máis por menos cartos.

"Este País non se pode permitir esta desfeita", asegurou para recalcar a continuación que a xente moza non ten que escoller entre precariedade e emigración, senón que "merece poder traballar e vivir no seu propio País", polo que defendeu o "proxecto transformador" que representa o Bloque para ofrecerlle unha vida digna na súa terra, cun futuro no que teña oportunidades, traballos dignos, acceso á vivenda, servizos públicos de calidade e a posibilidade de desenvolver o seu proxecto vital. 

Pontón felicitou polo traballo realizado á secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, e a toda a dirección da organización xuvenil, á que tamén trasladou os mellores desexos para un tempo novo no que sen dúbida contribuirá a poñer fin ás vellas políticas e darlle a benvida a accións de goberno novas e audaces.

Logo de destacar a importancia que ten a mocidade na formación nacionalista para crear a Galiza do futuro que, segundo dixo, ten que ser nova, con proxecto propio e con ambición, a portavoz do BNG apelou á forza transformadora da xente moza para darlle a volta ao estado de decepción en que o PP sumiu ao País, deixar atrás ese pasado gris e dar paso a un tempo novo que mellore a vida das persoas. "Vós seredes partícipes principais do cambio galego", concluíu. 

 

Comentarios