Pontevedra presenta un orzamento de 94 millóns, o máis alto da historia

As contas representan a "aposta por consolidar o modelo de cidade".
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, esta sexta feira. (Foto: Concello de Pontevedra)
photo_camera O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha foto de arquivo. (Foto: Concello de Pontevedra)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou esta sexta feira acompañado do concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, o proxecto de orzamento municipal para o 2024, dotado con 94,7 millóns, a cantidade máis elevada na historia da cidade.

Trátase, segundo valorou o alcalde, dun "orzamento que responde a un novo tempo e que recolle, obviamente, a situación derivada da Covid-19, a inflación e a suba xeneralizada de prezos". Para o rexedor, estas contas representan "a aposta pola consolidación do modelo de cidade e o seu avance, así como a mellora de mantemento xeral de todo o concello, tanto en equipamentos como no investimento no espazo público". 

Segundo explicou, diversos capítulos do orzamento experimentan un incremento importante, como é o de gasto corrente, os gastos financeiros, así como o gasto de persoal e o dos subministros (electricidade, auga e combustíbeis, entre outros). Lores incidiu en que as contas municipais tamén recollen demandas dos grupos da oposición, "especialmente do PSOE, pero tamén do PP", en relación a mocións, preguntas ou rogos presentados nos plenos ou nas comisións municipais. 

"Responsabilidade"

Nesta liña, o alcalde de Pontevedra fixo un "chamado á responsabilidade dos grupos políticos para que faciliten a súa aprobación". En concreto, Lores apelou a PP e PSOE para que se aproben definitivamente as contas nun pleno que, previsibelmente, decorrerá durante as datas de Nadal. Segundo o alcalde, dependen da aprobación dos orzamentos de 2024 fondos europeos para distintos proxectos da cidade. 

Comentarios