A formación morada cuestiona o perfil de Luís Villares

Podemos contra Podemos

Arranca a batalla decisiva dentro de Podemos. Faino en Madrid, unha loita aberta entre errejonistas e pablistas. Mentres, na Galiza, Podemos contraprograma a campaña oficial de Luís Villares.

Carmen Sánchez e Luís Villares
photo_camera Carmen Santos e Luís Villares

Os intentos por parte do aparato estatal da formación morada, controlado polo sector de Pablo Iglesias, de adiar o proceso asembleario interno até despois das eleccións galegas e vascas, saltaron polos aires, unha vez que a súa dirección madrileña acordou convocar o seu congreso na capital do Estado. A loita que se abre en Madrid non é máis que un anticipo da que se vivirá a finais de ano no conxunto do Estado, cunha organización absolutamente divida entre “pablistas”, próximos a Pablo Iglesias, “errejonistas”, próximos a Íñigo Errejón” e “anticapitalistas”, próximos ao europarlamentario Miguel Urbán e a andaluza Teresa Rodríguez. A esta altura, só fixo publica a súa candidatura ao Consello Cidadán de Madrid “o sector errejonista”, encabezado pola tenente de alcalde da cidade, Rita Maestre, e apoiada pola antiga militante de Izquierda Unida e deputada Tania Sánchez e do portavoz de Podemos na Asemblea de Madrid, José Manuel López. Nos próximos días presentará a súa alternativa “o sector pablista”, o propio Pablo Iglesias xa criticou duramente a candidatura de Maestre, liderada con case total seguridade polo portavoz morado no senado Ramón Espinar. Falta por saber se “o sector anticapitalista” presenta finalmente a súa lista, para cuxa cabeza soa o eurodeputado Miguel Urbán ou o actor Alberto Sanjuán, ou apoia a candidatura dos “pablistas”.

O enfrontamento entre “pablistas” e “errejonistas” é notorio en Galiza. Uns e outros, xa se enfrontaron polo control da dirección de Podemos o pasado mes de Abril

O enfrontamento entre “pablistas” e “errejonistas” é notorio en Galiza. Uns e outros, xa se enfrontaron polo control da dirección de Podemos o pasado mes de Abril, resultando gañador o grupo liderado por Carmen Santos, próxima a Iglesias e amadriñada por Carolina Bescansa, fronte aos “errejonistas”, liderados pola deputada por Pontevedra, Ánxela Rodríguez “Pam”, que contou co apoio público de Íñigo Errejón. A tensión entre as diversas familias internas non deixou de medrar desde aquela, até o punto de que “pablistas”, “errejonistas” e “anticapitalistas” concorreron en listas separadas ás primarias de En Marea. Os primeiros, liderados pola cabeza de lista por Pontevedra e secretaria xeral de Galiza, Carmen Santos, representan o sector maioritario da organización, reforzando nos últimos tempos o seu peso interno ao achegárselle parte dos sectores que apoiaron no seu momento Breogán Rioboo. Os segundos, isto é, os “errejonistas”, teñen como cabezas públicas os deputados en Madrid Ánxela Rodríguez “Pam” e Antón Gomez Reino “Tone”, porén, a súa posición debilitase progresivamente, atopándose neste momento nun proceso de recambio das súas referencias dada a forte contestación a Rodríguez e Gómez Reino. Os “anticapitalistas” -grupo que aglutina a facción troskista de Podemos- veñen a ser a parte minoritaria da formación morada, sendo moi escasa a súa implantación en Galiza, se ben conseguiron colocar en postos de saída na lista de En Marea por Pontevedra á súa militante Paula Quinteiro, escudada nas primarias por Mariano Abalo. Así é todo, as persoas de referencia no País para Pablo Iglesias atópanse fóra de Podemos, trátanse do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e da portavoz de Esquerda Unida, Yolanda Díaz.

O conflito de Podemos é un importante factor de inestabilidade na Marea. Certo é que as divisións internas non fican reducidas á formación morada, chegando á práctica totalidade das formacións que conforman a confluencia, agás Cerna, porén, dado o peso decisivo de Podemos na Marea, estas teñen un carácter cualitativamente distinto. A hexemonía de Podemos na circunscrición de Pontevedra, 4 dos 5 primeiros postos da lista, e na Coruña, 3 dos 5 primeiros postos da lista, está xa a  provocar friccións con Luís Villares e a súa equipa de campaña. A escasa presenza do candidato de En Marea á Presidencia da Xunta nas provincias atlánticas está directamente vinculada á negativa dos podemitas a contar con el na campaña, convencidos de que o seu perfil e o seu discurso non achega votos nos sectores urbanos e vilegos, considerándoo mesmo un impedimento para gañar apoios entre os votantes descontentos co PSOE de Leiceaga. A disputa non remata aí, até o punto de que os podemitas teñen organizada a súa propia equipa de campaña en Pontevedra e Coruña, onde toman as decisións asesores políticos chegados de Madrid que xa tiñan participado nas campañas de Iglesias, e que non só marcan orientacións distintas  ás definidas pola equipa de campaña de En Marea, dirixido por Manolo Barreiro, antigo xefe de gabinete de Anxo Quintana,  senón que mesmo chegan a contraprogramar.

A escasa presenza do candidato de En Marea á Presidencia da Xunta nas provincias atlánticas está directamente vinculada á negativa dos podemitas a contar con el na campaña

Podemos dirixirá o grupo parlamentario de En Marea. A ausencia de dados fiábeis sobre os resultados electorais do 25 S -dada a nula credibilidade das enquisas publicadas, cuxo fracaso foi máis que evidente nos últimos procesos electorais e que non teñen outra intención que orientar o voto de cara a garantir unha maioría de Feijóo- impiden facer unha aproximación á composición do grupo de En Marea. Aínda así a equipa de campaña de Villares, coñecedor desde a celebración das primarias que Podemos contará cunha ampla maioría no grupo parlamentario, non agocha a súa preocupación polo que será o día a día no Hórreo. As fontes de En Marea, consultadas por Sermos Galiza, teñen moitas dúbidas de que un grupo tan fragmentado e dividido sexa quen de garantir un apoio firme a unha maioría alternativa a Feijóo. Porén, o que máis desasosega a estas mesmas fontes é o escenario que se pode dar nun  contexto de maioría absoluta do PP, xa que sen “o pagamento do goberno as diverxencias agravaríanse, podendo mesmo facer bo ao grupo de AGE”. O propio Villares, nunha conferencia no Forum Europa, quixo saír ao paso dun rumor que circula con insistencia entre os adheridos da  Marea e que o sitúa fora do parlamento no contexto dunha maioría absoluta de Feijoo, afirmando que liderará a converxencia máis alá do 25 S. Sexa cal sexa o resultado final ou a propia a decisión de Villares, do que non hai dúbida é do control de Podemos sobre o grupo parlamentario de En Marea.

Comentarios