Veto da Xunta

Feixoo alega 'non teño información' do que fai a súa secretaría xeral de Medios

O Consello da Cultura Galega  acolleu na mañá de onte unhas xornadas tituladas 'Censuras e silencios nos medios de comunicación'. O encontro contou coa participación de xornalistas procedentes da Galiza e doutros puntos do Estado. No mesmo, interveu a directora de Nós Diario, María Obelleiro.

Mar Sánchez Sierra acompañando Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)
photo_camera Mar Sánchez Sierra acompañando Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)

Obelleiro, que partillou relatorio co presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, nun debate moderado polo xornalista e director de Tempos Novos, Luís Álvarez Pousa, significou a importancia de contar con medios escritos en lingua galega, destacando que o xornal que ela dirixe "é o primeiro diario no idioma do país". A directora de Nós Diario, que tomou a palabra no encontro tan só dous días despois de coñecerse a decisión do Goberno galego de excluír este xornal da liña de axudas para prensa escrita da Secretaría Xeral de Medios da Xunta da Galiza, denunciou a censura á que somete o Executivo galego aos medios de comunicación "independentes" e que "empregan o galego".

Obelleiro subliñou que "o mesmo día no que se celebrou a Liberdade de Prensa, o 3 de maio, recibimos unha notificación asinada pola secretaria xeral de Medios da Xunta, que está en funcións, porque marcha con Feixoo a Madrid, pola que nos denega as axudas á prensa escrita malia cumprirmos os requirimentos que recollen as bases da convocatoria".

Neste sentido, expuxo que o Goberno galego exerce un tipo de censura económica, "favorecendo e premiando os xornais que lle son próximos, e castigando e vetando a quen exercemos un xornalismo crítico". Obelleiro detallou o sistema de axudas da Xunta aos medios de comunicación, que se divide en tres vertentes. En primeiro lugar, referiuse ás subvencións directas. "Hai dúas liñas. Unha é de axudas aos medios exclusivamente en galego, a das faragullas", salientou a directora de Nós Diario, "para a que a Xunta destina 200.000 euros, polos 635.000 que destina, por exemplo, o Goberno de Balears aos medios en catalán, tendo a metade de poboación".

"A outra liña de axudas, da que nos excluíron malia cumprirmos os criterios e que favorece medios que só levan a lingua galega na capa unha vez ao ano, o Día das Letras Galegas, ascende a 1,25 millóns", engadiu.

En segundo lugar, falou dos contratos menores, nos que non existe "transparencia". "A través desta vía, a Xunta gastou o ano pasado 10 millóns, entre os medios que quixo. Tamén entre os que incumpren a lei de normalización lingüística, como Libertad Digital ou o ABC".

Resposta de Feixoo

Núñez Feixoo, preguntado onte sobre este tema após o Consello da Xunta, afirmou carecer de información, malia que a Secretaría Xeral de Medios depende de Presidencia e malia que foi a propia secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez, quen asinou a denegación da axuda a este xornal. Así, a unha cuestión formulada a Feixoo por Nós Diario na comparecencia de onte, onde se lle preguntou se "non lle parece censura que un medio auditado pola OXD [organismo que controla a difusión dos medios] como Nós Diario quede excluído pola Secretaría Xeral de Medios das axudas á prensa escrita", o presidente respondeu: "non teño información para poder contestarlle”

Comentarios