Podemos corrixe Errejón e reitera que a súa marca irá de primeira nas papeletas

O dirixente abrira a porta a que en certos territorios onde houbese coligazóns poidese ir antes o nome das forzas propias desas autonomías, como en Valencia 'Compromís-Podemos'.

Íñigo Errejón
photo_camera Íñigo Errejón

Pois para Podemos a orde si que altera o resultado. Poucas horas despois de que Iñigo Errejón abrise a porta á posibilidade a que as candidaturas de Podemos con outras forzas en determinados territorios relegase o nome do partido en beneficio da denominación 'autóctona', a formación podemita pechou a porta a tal posibilidade. De primeiro nas papeletas, Podemos, e despois iría a 'outra cousa', salientaron fontes da dirección a El Diario.

No País Valenciá, onde Podemos e Compromís teñen avanzado ir en coligazón ás xerais, a vice-presidenta Mónica Oltra sinalara que unha denominación para esa alianza sería 'Compromís-Podemos'. A este respeito, e nunha entrevista na Cadena Ser, Iñigo Errejón dixo que “a orde non é importante, somos flexíbeis”. Mais semella que esa flexibilidade non é moita. “O nome de Podemos irá en primeiro lugar” naqueles territorios onde acaden candidaturas unitarias, reafirmou Rafael Mayoral, secretario de Relacións coa sociedade civil.


 

Comentarios