18-F

"Vota PP": polémica na Pobra do Brollón pola "politización" do Oso de Salcedo

BNG e PSdeG demandarán esta quinta feira explicacións nun pleno extraordinario pola colocación dunha pancarta electoral dos populares nunha zona "non autorizada" pola Xunta Electoral.
Pancarta pendurada na Pobra do Brollón "poucas horas antes" da celebración da popular festa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pancarta pendurada na Pobra do Brollón "poucas horas antes" da celebración da popular festa. (Foto: Nós Diario)

Polémica na Pobra do Brollón (Terra de Lemos) polo que se considera un uso 'partidista' da tradición máis popular na localidade durante o entroido, a festa do Oso de Salcedo. Nada máis chegar ao lugar, desde un sitio privilexiado, unha pancarta pedindo o voto para o Partido Popular daba a benvida a todas as persoas asistentes, o que espertou o malestar entre moitos veciños e veciñas e desde a corporación municipal.

O BNG e o PSdeG veñen de solicitar conxuntamente a convocatoria dun pleno extraordinario para aclarar a colocación desta pancarta do PP que consideran "irregular" pola localización e o momento. O pleno decorrerá esta quinta feira, día 15, ás 12.30 horas no Salón de Plenos do Concello, e estará aberto á veciñanza que se queira achegar.

Durante a sesión, socialistas e nacionalistas pedirán "explicacións" ante a situación vivida este pasado Luns de Entroido en Salcedo, onde a pancarta electoral en cuestión pedía de modo explícito o voto para o Partido Popular "nunha zona non autorizada pola Xunta Electoral", salientan.

A devandita pancarta foi situada nun lugar de gran visibilidade durante a celebración da Saída do Oso, "cunha clara intención de aproveitar a gran concentración de asistentes e medios de comunicación que congrega este evento".

Tanto o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda (BNG), como o líder do PSOE local, Adolfo Rubio, cualifican a situación vivida como "grave para a convivencia democrática", polo que debe ser aclarada nas canles dispostas para tal fin.

Consideran, ademais, que é "un intento de politización dunha tradición comunitaria" coa que se "falta ao respecto de moitas persoas" que ao longo do tempo e nos últimos anos traballan para manter este importante elemento do Patrimonio "independentemente das siglas políticas".

Comentarios