Corinna Larsen ordenou investigar ao presidente de Abanca

Que une a Juan Carlos Escotet co rei emérito?

A relación do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, e o rei emérito é coñecida desde hai anos. Os seus respectivos círculos explicárona publicamente pola paixón de ambos pola vela. Unha recente información procedente da causa que se instrúe contra Juan Carlos de Borbón no Reino Unido semella desmentila.

Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca
photo_camera Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca. (Foto: Europa Press).


 

Escotet é un dos homes  chaves do círculo articulado en Sanxenxo arredor do rei emérito. O seu nome canda o de Pedro Campos Calvo-Sotelo, César Elízaga Viana ou Peter Dubens fai parte das persoas máis próximas a Juan Carlos de Borbón.

A versión oficial sitúa a orixe desa relación na paixón de ambos polos deportes náuticos. Nesta dirección, un e outro teríanse coñecido en Sanxenxo a volta de 2017, significando as habilidades do banqueiro  como patrón da súa embarcación Aida.

As crónicas xornalísticas presentan a Escotet e a Borbón competindo en diversas regatas na segunda metade da década pasada. Mesmo, nalgunha deles, o barco mandado polo banqueiro teríase imposto ao dirixido polo monarca.

A causa contra Juan Carlos en Londres

A documentación atesourada nos xulgados de Londres que instrúen unha causa contra Juan Carlos de Borbón a raíz dunha denuncia da empresaria alemá e antiga parella do monarca, Corinna Larsen, apuntan noutra dirección.

O pasado 22 de abril, o xornal El País deu a coñecer unha investigación encargada por Larsen contra varias persoas do núcleo próximo do monarca. O traballo foi contratado á prestixiosa axencia de detectives suíza  Alp Services, propiedade do famoso investigador Mario Brero.

A encomenda de Larsen recollía investigar a 14 amigos do monarca, citados na investigación como “homes de palla”. Só 9 deles foron identificados, sendo os seus nomes Alberto Alcocer, Alberto Cortina,  Álvaro de  Orleans, Allen  Sanginés  Krause, Joaquín Romero Maura, José Mestre, José Cusí, canda o seu avogado Buenaventura Castellanos Matarrodona e Juan Carlos Escotet.

Os financeiros do rei

Os curmáns e empresarios Alberto Alcocer e Alberto Cortina, coñecidos popularmente polos “Albertos”, foron considerados durante anos como os responsábeis das finanzas de Juan Carlos de Borbón. Tanto é así, que segundo o xornalista de Público, Carlos Enrique Bayo, ocupáronse das contas do emérito tras a imputación e, posterior, entrada en prisión Manuel Prado y Colon de Carvajal.

Álvaro de  Orleans foi outra peza chave nos negocios ocultos de Juan Carlos de Borbón. Presidente da Fundación  Zagatka, pagou durante anos centenares de voos privados do  exmonarca por máis de oito millóns de euros e achegou importantes cantidades de diñeiro a outros membros da familia real.

Allen  Sanginés  Krause, José Cusí e Joaquín Romero Maura apareceron como doantes habituais de Juan Carlos de Borbón. O primeiro, poderoso empresario mexicano, transferiu máis de medio millón de euros que remataron en contas de membros da familia real, entre eles a raíña Sofía ou o neto do monarca, Froilán.

José Cusí é o pirixel en todas as salsas do emérito desde hai 50 anos, sendo a persoa que pagou a voda do rei Felipe VI e Leticia. O historiador Joaquín Romero Maura foi o creador dunha conta cunha contía de 14,4 millóns de euros no paraíso fiscal de Jersey, cuxo único beneficiario era o emérito.

Abanca

A práctica totalidade das persoas referidas neste informe están ligados a estrutura financeira oculta de Juan Carlos de Borbón. A falla de coñecer o contido completo da investigación de Alp Services descoñécese se Escotet fai parte da mesma, como quere deixar caer o círculo de Corinna Larsen.

Sexa como for, Escotet signifícase pola súa amizade co emérito. Outro tanto, acontece co seu segundo, Francisco Botas, habitual do rei emérito en Sanxenxo e conselleiro delegado de Abanca, a onde chegou desde o Banco Echevarría , de cuxo principal accionista, Javier Echevarría, era xenro.

Comentarios