Democracia Ourensá anuncia que concorrerá ás eleccións estatais e galegas

O alcalde Gonzalo Pérez Xácome (Democracia Ourensá) acusa o PP, con quen Goberna o Concello, de marxinar Ourense.

O alcalde ourensán, Gonzlo Pérez Xácome (Foto: Nós Diario)
photo_camera O alcalde ourensán, Gonzlo Pérez Xácome (Foto: Nós Diario)

Democracia Ourensá (DO), a formación que lidera o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, anunciou que non repetirá "un pacto supramunicipal" co PP -como o acordo dos últimos comicios de 2020- e que ten a intención de concorrer ás futuras convocatorias electorais estatais e galegas na circunscrición de Ourense. Así o trasladou a formación a través dun comunicado en que sinala como motivo principal da decisión os recentes orzamentos estatais e galegos onde, denuncian, non se prevén "investimentos de relevo para a provincia de Ourense".

Nesta liña, sinalan que a "discriminación" de Ourense non cesa e que desde DO vense na obriga de "combatela" porque están "fartos de ser a eterna Cincenta do Estado e da Xunta". Algo que, expoñen, "sucede independentemente de quen goberne, PP ou PSOE".

En 2020 non se presentaron porque existía un pacto municipal e galego co PP

A formación de Pérez Xácome aínda non concorreu a unhas eleccións estatais, polo que as primeiras, de cumprirse a promesa de DO, serán as de 2023. Con todo, o partido si concorreu ás eleccións galegas. Fíxoo no ano 2009, en 2012 e en 2016, quedando nesa ocasión a 2.900 votos de obter escano no Parlamento galego. 

En 2020, sinalan, non se presentaron porque existía un pacto municipal e galego co PP mais lamentan que "foi dinamitado" polos populares polo que, aseveran, "ese pacto supramunicipal non se volverá producir".

Ourense, "a Cincenta"

"Ourense non deixa de ser a Cincenta da Galiza desde que no Concello cogobernamos co PP", criticaron desde DO apuntando que "nin sequera se achega diñeiro para arranxar a vintena de rúas" de titularidade da Xunta na cidade.

O Partido Popular marchou do Goberno local en setembro do ano pasado, cando varios integrantes nauqela altura de Democracia Ourensá levaron as contas do partido ante a Fiscalía e denunciaron irregularidades na xestión económica por parte do alcalde.

Con todo, os populares e Xácome reconciliáronse este pasado mes de xuño pouco antes de que a xuíza rectificase unha decisión inicial e detectase indicios de malversación.

Mais, a pesar diso, polo momento os populares mantéñense no Goberno aludindo ao "respecto máximo ás decisións xudiciais" mais tamén "á presunción de inocencia", aínda que en 2020 si marcharan do Executivo pola mesma investigación que se volveu pór en marcha.

Comentarios