O pleno de Ourense reproba o PP por volver ao Goberno de Jácome

Aprobada unha moción para reprobar o PP por regresar ao Goberno local de Ourense. Votaron a prol da moción BNG, PSdeG, Ciudadanos e díscolos de Democracia Ourensá.

EuropaPress_3306975_alcalde_ourense_gonzalo_perez_jacome
photo_camera O alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Jácome.

O Concello de Ourense realizou o seu pleno ordinario do mes de agosto, en que o BNG defendeu unha moción de reprobación ao PP por volver ao Goberno local que dirixe Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensá (DO). Finalmente, a iniciativa saíu adiante cos votos de nacionalistas, PSdeG, Ciudadanos e díscolos de DO.

O Partido Popular marchou do Goberno o pasado mes de setembro cando integrantes daquela de Democracia Ourensá levaron as contas do partido ante a Fiscalía e denunciaron irregularidades na xestión económica do rexedor ourensán.

Con todo, os populares e Jácome reconciliáronse este pasado mes de xuño pouco antes de que a xuíza rectificase unha decisión inicial e detectase indicios de malversación. Mais, a pesar diso, polo momento os populares mantéñense no Goberno aludindo ao "respecto máximo ás decisións xudiciais" mais tamén "á presunción de inocencia", aínda que en setembro si marcharan do Executivo pola mesma investigación que agora está en marcha.

Luís Seara, o portavoz do BNG en Ourense, foi o encargado de explicar todos estes antecedentes na súa moción á que titulou "crónica dunha traizón anunciada". Por todo iso, pediu a reprobación dos edís populares.

As e os representantes de cada un dos partidos que debateron nesta moción puxeron o foco nas eleccións municipais de 2023. O primeiro foi Armando Ojea, o tenente alcalde e concelleiro por DO.

Asegurou que "afean a actitude" do PP mais "vendo o acordo da moción non podemos reprobar que volvesen ao Goberno".

O concelleiro de Ciudadanos, José Araújo, manifestou que "isto vai acabar mal porque hai moitos egos" e "a personalidade política do alcalde é difícil". Ademais, asegurou que o dos populares "é unha papeleta".

O Partido Popular, pola súa banda, acusou ao BNG de "ter superioridade moral" e aproveitou a quenda para reiterar que o PP propuxo no seu momento que gobernase a lista máis votada. "Hai unha cortina de fume tal que non ven os chourizos", foi a resposta por parte do portavoz socialista, Rafael Rodríguez Villarino. Precisamente o socialista foi quen encabezou a lista máis votada, mais o PP puxo como condición para pactar unha moción de censura contra Jácome que Villarino non for o candidato á Alcaldía. Cando Villarino accedeu a non ser candidato, o PP, en lugar de apoiar a moción, incrementou as exixencias e puxo nova condición: que Villarino entregase a acta de edil e renunciase á política municipal. O PSdeG acusou o PP de chantaxe e a marcha de Villarino non se efectuou.

Comentarios