Jácome a Caride: "Tentaches 'chimparme' e quedar co que construíra"

O grupo socialista abandona o pleno municipal de Ourense após "un corte de mangas" e unha desculpa obrigada do concelleiro Telmo Ucha. A sesión estivo chea de reproches entre os distintos partidos.
O edil Miguel Caride nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press) #jácome #ourense #rafaelvillarino #gonzalopérezjácome #democraciaourensá #do #miguelcaride #concello #política #pleno
photo_camera O edil Miguel Caride nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

A política municipal ourensá volveu dar un exemplo do que é un clima tenso entre os grupos no pleno decorrido esta sexta feira. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, protagonizou un enfrontamento cun dos edís díscolos de Democracia Ourensá (DO), Miguel Caride, mentres que os socialistas abandonaron o pleno aludindo ás “faltas de respecto” por parte do rexedor e o seu equipo de dous concelleiros.

A tensión volveu ao salón de plenos de Ourense se é que algunha vez marchou desde que o pasado setembro varios edís puxeran en dúbida os movementos económicos de Jácome en DO e rachara o pacto de goberno co PP.

Precisamente unha das disputas da xornada foi entre Gonzalo Pérez Jácome e o que exercera de voceiro dos edís que quixo expulsar do partido, Miguel Caride. "Hoxe teño unha sensación moi satisfactoria, como se fose o líder da terceira forza política se me permiten dicilo así", asegurou Caride, hoxe voceiro dos non adscritos, mentres a tensión ía en aumento.

"Non sei se veño a un pleno ou a recibir o sacramento da Confirmación porque despois de escoitar o teu discurso (falando das palabras do rexedor) quédame confirmado que o mellor que fixen na miña vida, nestes momentos, foi apartarme de ti e do teu proxecto político porque non sei onde vas", espetou.

"Non foi exactamente que che apartases. Tentaches 'chimparme' e quedar co que construíra, que é distinto”, acusou de volta Pérez Jácome. Estas acusacións mutuas déronse no debate dunha moción que nada tiña que ver coa lea política. A proposta do Ciudadanos falábase de saúde mental.

Choque PSOE-DO

O PSOE tamén levaba as súas ideas a esta xuntanza, pero cando foi o momento de falar delas xa non tiña representantes dentro da sala. Despois de varios enfrontamentos co alcalde e os dous edís que o acompañan no Executivo municipal decidiron marchar.

Escusaron o seu comportamento polas “faltas de respecto” que, dixeron, sufriron durante a sesión. De feito, acusaron ao concelleiro de Democracia Ourensá, Telmo Ucha, de facerlle “un corte de mangas” ao portavoz socialista, Rafael Villarino.

Ante esta suposta situación, reclamaron que se pediran desculpas, ao que Ucha respondeu cun novo xesto porque non sabía o que os concelleiros da oposición viran. “Eu non obrigo a ninguén a desculparse por algo que non cre pero descúlpome”, dixo. O grupo non deu por válida esa resposta e marchou.

Mesmo a veciñanza está incómoda co clima político de Ourense, pois o representante da Asociación de Veciños Miño acudiu ao Consistorio para acusar o Goberno local de “dinamitar o movemento veciñal”. Explicou que isto se debía a que as entidades se viron “obrigadas” a pedir créditos porque as axudas foron convocadas a final de ano.

Críticas a Feixoo

Por outra parte, o rexedor reprochou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que non o reciba para falar dos intereses da cidade.

"Pedín citas con distintos ministerios e tampouco teño resposta. Podería facer unha acampada ou unha marcha pero entón dirían que son un alcalde friki. Creo que só cambiaría algo se copiásemos a Catalunya e Euskadi, que se presentan con partidos do seu territorio", finalizou Pérez Jácome.

Comentarios